Audiencia provincial
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
As audiencias provinciais son tribunais de xustiza con ámbito territorial provincial e sede na capital de provincia. Estes órganos xudiciais estrutúranse funcionalmente en seccións, que están integradas por tres ou catro maxistrados.
Actúan como tribunal de segunda instancia, tanto en procesos civís como en causas criminais, e xulgan, en vista oral e pública, os procesos por delitos graves. No seu seo funciona, para determinados xuízos penais, o tribunal do xurado.
Audiencias provinciais galegas
En Galicia a presidencia e as seccións das audiencias provinciais sitúanse nas capitais de provincia da Coruña (5 seccións), Lugo (2 seccións), Ourense (2 seccións) e Pontevedra (4 seccións). Como excepción, Santiago de Compostela conta cunha sección desprazada (Sección VI da Audiencia Provincial da Coruña), e Vigo conta con dúas seccións desprazadas (Sección V e Sección VI da Audiencia Provincial de Pontevedra). Cada sección está composta por tres maxistrados, agás as seccións I, II e VI da Coruña e I e VI de Pontevedra que contan con catro maxistrados.
As Seccións I e II da Audiencia Provincial da Coruña, a Sección II da Audiencia Provincial de Lugo, a Sección I da Audiencia Provincial de Ourense e as Seccións II, IV e V da Audiencia Provincial de Pontevedra están especializadas en materia penal. As Seccións III, IV e V da Audiencia Provincial da Coruña, a Sección I da Audiencia Provincial de Lugo, a Sección II da Audiencia Provincial de Ourense. As Seccións I, II e VI da Audiencia Provincial de Pontevedra están especializadas en materia civil.
No conxunto da comunidade autónoma a actividade das audiencias provinciais na xurisdición penal resúmese na realización anual dun cento de xuízos orais e públicos en procedementos ordinarios por delitos graves, sobre trescentos xuízos orais en procedementos abreviados por delitos menos graves, entre dúas ducias a catro ducias de xuízos da lei do tribunal do xurado, máis de sete mil recursos contra as resolucións dos xulgados e case cincocentas execucións de sentenzas.