Campanar
Campanar é o distrito número 4 e barrio da cidade de Valencia, que inclúa, ademais de Campanar, os barrios de Tendetes, Calvari e Sant Pau. Limita cara norte coas pedanías de Benimàmet e Beniferri e o distrito de Benicalap, ao leste co distrito de la Saïdia, ao oeste cos municipios de Paterna, Quart de Poblet e Mislata, e ao sur cos distritos de l'Olivereta e Extramurs.
Foi unha vila independente até 1897, momento en que, xunto a Poble Nou del Mar e Vilanova del Grau, anexouse a Valencia.[1] A súa poboación era de 12.147 habitantes no 2009.[2]
Toponimia
O nome deriva probablemente de camp ("campo" en valenciano).[Cómpre referencia]
Centros administrativos
No barrio atópase a Conselleria d'Educació de la Generalitat Valenciana á que se accede dende a avenida de Campanar. Neste barrio tamén se atopa o Hospital Universitario da Fe, o Hospital Arnau de Vilanova, o Hospital do Nove de Outubro (este último de xestión privada), o Instituto Valenciano de Oncoloxía (IVO) e o Instituto Valenciano de Infertilidade (IVI).
Lugares de interese do barrio
O barrio conta con diferentes lugares de interese. Por unha banda ao final da avenida de Les Corts Valencianes, xa no barrio de Beniferri[3] mais tocando con Campanar, pódese atopar o Palacio de Congresos de Valencia, obra de Norman Foster. Tamén está a escultura a dama ibérica de Manuel Valdés, e á beira de onde se atopa esta está o futuro estadio do Valencia CF, dentro do barrio de Benicalap[3], coñecido como Nou Mestalla. O centro histórico de Campanar é interesante xa que conserva a estrutura dunha vila típica da Horta de Valencia. A igrexa que se atopa no centro mesmo venera á figura da Virxe de Campanar.
É un barrio desenvolvido a partir dun centro comercial moi importante xa que foi un dos primeiros da cidade, Nuevo Centro. Ademais El Corte Inglés posúe outro centro comercial no barrio, o Centre Comercial d'Ademús. Ademais podemos atopar o Parque de Capçalera, un dos parques máis importantes de Valencia e á vez unha prolongación do Xardín do Turia.
Transporte
Ao barrio pódese chegar en metro a través da liña 1, que discorre baixo o eixe que forma a avenida Pius XII e de Les Corts Valencianes, e baixando en Túria, para chegar á parte máis próxima ao río, en Campanar-La Fe para ir ao barrio vello ou aos hospitais, ou en Beniferri para a zona da Dama Ibérica.
Poboación
Campanar tiña unha poboación total de 34.763 habitantes el 2007, dividida entre catro barrios:
- Campanar (12.149)
- Tendetes (5.600)
- el Calvari (5.174)
- Sant Pau (11.840)
Festas
En febreiro celébranse as festas adicadas á Virxe de Campanar nas que se organizan procesións, xantares populares, chocolatadas e unha mascletada.
Fallas
O barrio vive as festas falleiras moi intensamente xa que conta con dúas fallas de prestixio, L'Antiga de Campanar e Nou Campanar. Nou Campanar foi os últimos seis anos (2004-2009) campión da sección especial das fallas, o premio máis prestixioso.
Notas
- ↑ "Campanar". Gran Enciclopedia Temática de la Comunidad Valenciana. Geografía. Editorial Prensa Valenciana. 2009.
- ↑ "Districte 1. Campanar Barri 1. Campanar" (PDF). Oficina d'Estadística. Ajuntament de València (en valenciano e español). 2008. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de marzo de 2009. Consultado o 27 de xaneiro de 2011.
- ↑ 3,0 3,1 Mapa de barrios e distritos de Valencia