Elvira Méndez (864 - 921)
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 885 Reino de Galicia |
Morte | 20 de febreiro de 921 ↔ 12 de outubro de 921 (35/36 anos) Zamora, España |
Lugar de sepultura | panteón real da catedral de Oviedo |
Raíña de León | |
914 – 924 ← Nuna Muñoz (en) – Aragonta González → | |
Raíña de Galicia | |
910 – 924 ← Nuna Muñoz (en) – Aragonta González → | |
Familia | |
Cónxuxe | Ordoño II de Galicia e León |
Fillos | Sancho I, Ramiro II, Afonso IV de León |
Pais | Hermenexildo Gotérrez e Hermesinda Gatoniz |
Elvira Méndez, ou Elvira Menéndez ou Elvira Menendiz, nada no ano 864 e finada en 921, foi unha nobre e raíña consorte galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Filla dos magnates galegos Hermenexildo Guterrez (conde de Tui e do Porto e conquistador de Coímbra) e de Hermesinda, que viviu no século IX.
Casou no ano 900 con Ordoño (o futuro Ordoño II), fillo de Afonso III o Magno e Ximena Garcés, como enlace entre a nobreza galega e a monarquía.
Raíña de Galicia
[editar | editar a fonte]No ano 910 recibiu o recoñecemento de todos os magnates galegos xunto ao seu marido, Ordoño II. A súa importante condición aristocrática foi imprescindible para que os grandes magnates galegos recoñeceran a Ordoño II como o seu rex ou señor. Algúns autores ven neste momento o nacemento dun reino de Galicia de seu, outros, porén, consideran tal recoñecemento como un pacto feudal entendendo que o reino de Galicia era moito maior que o territorio estritamente galego.
Tras a morte do seu cuñado, o rei García I, foi coroada como raíña consorte. Asinou co seu home numerosos documentos a prol da nobreza e da Igrexa Galega. A diocese de Iria Flavia-Santiago de Compostela beneficiouse das súas doazóns en vilas, servos e alfaias, sobresaíndo as doazóns á catedral de Santiago de Compostela, ao mosteiro de san Martiño Pinario, ao mosteiro de san Isidro de Dueñas e ao mosteiro de san Pedro de Montes.[1]
Fundadora dunha estirpe
[editar | editar a fonte]Foi nai dos reis Sancho Ordóñez (o primoxénito e rei privativo de Galicia), Afonso IV e Ramiro II. Dela agromou unha estirpe de monarcas de Galicia e León.
Nupcias e descendencia
[editar | editar a fonte]Froito do seu matrimonio co rei Ordoño II naceron cinco fillos que aparecen na documentación cos seus pais na seguinte orde:
- Sancho Ordóñez,[2] rei de Galicia.
- Afonso IV de León,[2] rei de León.
- Ramiro II de León,[2] ocupou o trono leonés cando o seu irmán Afonso IV renunciou.
- García,[2] o seu nome figura en varios dos privilexios emitidos durante o reinado do seu pai.
- Ximena Ordóñez,[2] figura por derradeira vez na documentación do mosteiro de san Salvador de Celanova o 6 de xaneiro de 935 confirmando o seu primo irmán Froila, fillo de Gutierre (ou Gutier)[3] Menéndez e Ilduara Eriz, a vila de Uillare que herdara dos seus pais e que o seu irmán o rei Sancho concedeu aos pais de Froila, que a tiñan en encomenda.
Morte e sepultura
[editar | editar a fonte]A raíña Elvira faleceu entre o 20 de febreiro e o 12 de outubro do ano 921.[4] Segundo a Crónica de Sampiro, cando o rei Ordoño II recibiu a nova da morte de Elvira ao seu regreso a Zamora dunha campaña contra os musulmáns, «foi tanto a dor que tivo polo seu pasamento canto fora o seu fozo do seu triunfo».[4]
Recibiu sepultura no panteón de reis da catedral de Oviedo. Os restos mortais da raíña foron depositados nun sepulcro acubillado por un arco de medio punto, no que aparecía esculpido o seguinte epitafio:[5]
HIC COLLIGIT TUMULUS REGALI EX SEMINE CORPUS GELCYRAE REGINAE ORDONII SECUNDI UXOR. OBIIT ERA DCCC... ET HOC ETIAM
Predecesor: Ximena Garcés |
Raíña consorte de Galicia 914 - 921 |
Sucesor: Munia Ximena |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sáez 1947, p. 30.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Rodríguez Fernández 1997, p. 103-104.
- ↑ Rodríguez Fernández 1997, p. 98.
- ↑ 4,0 4,1 Sáez 1947, pp. 31–33.
- ↑ Arco y Garay 1954, p. 144.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arco y Garay, Ricardo (1954). Sepulcros de la Casa Real de Castilla. Madrid: Instituto Jerónimo Zurita. Consejo Superior de Investigaciones Científicas. OCLC 11366237.
- Rodríguez Fernández, Justiniano (1997). Reyes de León (I). García I, Ordoño II, Fruela II y Alfonso IV. Volumen 28 de la Colección Corona de España (1.ª ed.). Burgos: La Olmeda. ISBN 84-920046-8-1.
- Rodríguez Fernández, Justiniano (1998). Ramiro II, rey de León. Burgos: La Olmeda. ISBN 84-89915-01-6.
- Sáez, Emilio (1947). "Los ascendientes de San Rosendo, notas para el estudio de la monarquía astur-leonesa durante los siglos IX y X". Hispania (CSIC, Instituto Jerónimo Zurita) (XXX). OCLC 2594708.