[go: nahoru, domu]

Batalla dos Campos de Pelennor

A Batalla dos Campos de Pelennor é unha batalla ficticia narrada na terceira parte da novela O Señor dos Aneis, do escritor británico J. R. R. Tolkien.

Batalla dos Campos de Pelennor
Parte de a Guerra do Anel

Gráfico das posicións e movementos das forzas en combate.
Data 14 e 15 de marzo do 3019 Terceira Idade do Sol
Lugar Campos de Pelennor, preto de Minas Tirith (Gondor)
Resultado Vitoria decisiva dos Pobos Libres, morte do Rei Bruxo de Angmar e ruptura do asedio de Minas Tirith
Belixerantes
Gondor
Rohan
Dúnedain do Norte
Mordor
Harad
Rhûn
Variags de Khand
Líderes
Gandalf
Aragorn
Denethor II
Théoden
Imrahil
Rei Bruxo de Angmar
Gothmog
Forzas en combate
5.000 defensores en Minas Tirith (2.000 da gornición da cidade e 3.000 procedentes dos feudos, incluídos 700 cabaleiros de Dol Amroth)
Reforzos rohirrim (6.000 xinetes)
Exército de reforzo de Gondor proveniente dos feudos do sur (1.000 sureños e 33 Dúnedain do Norte)
Entre 70 000 e 100 000 (estimado)
Baixas
4.000 gondorianos e 2.000 rohirrim mortos Descoñecidas

A batalla comezou co asalto das forzas de Sauron á cidade de Minas Tirith, a capital do reino de Gondor, preto da fin da Guerra do Anel, o 14 e 15 de marzo do ano 3019 da Terceira Idade do Sol, tan só dous días despois da Batalla de Pelargir, na que Aragorn, a Compañía Gris e o exército dos mortos derrotaron ós corsarios de Umbar e roubaron os seus barcos. Este suceso converteuse na maior batalla da Guerra do Anel.

Os campos de Pelennor (campos da cidade) están comprendidos nunha chaira entre a fortificada Minas Tirith e un antigo muro exterior chamado Rammas Echor.

A batalla

editar

Desenvolvemento da batalla

editar

O exército de orcos de Sauron, comprendido por uns 45 000 efectivos, comandado polo Rei Bruxo de Angmar e Gothmog, o rexente de Minas Morgul, irrompeu nos Campos de Pelennor directo á cidade. Os aliados de Mordor na batalla eran os guerreiros orientais de Rhûn e Khand e os Haradrim do sur. A defensa da Cidade estaba comandada por Gandalf, xa que Denethor II, senescal da cidade, volvérase tolo ó crer morto ó seu fillo Faramir e polas visións que lle amosaba o señor escuro a través da palantír.

Aragorn e a compañía gris únense ós exércitos de Gondor que estaban nos feudos do sur para emprender o camiño cara a Minas Tirith remontando o Anduin. Mentres tanto, os exércitos do señor escuro Sauron lograban destruír o portón principal da cidade nun duro enfrontamento coas tropas gondorianas resgardadas tralos muros. Xusto despois da caída do portón chegaron os Rohirrim no medio do son dos seus cornos de batalla, cabalgando dende o norte para apoiar ós homes de Gondor. Despregáronse nunha liña de cabalería que cargou contra os orcos de Mordor, matando a moitos no choque, e facendo fuxir a moitos outros.

Ó mesmo tempo, os atacantes que penetraran o muro foron rexeitados no patio, e os cabaleiros de Dol Amroth, seguidos polo resto dos defensores de Minas Tirith cargaron contra as tropas de Morgul. Os orcos emprenderon nese intre unha retirada xeral.

Por outra banda, os haradrim do sur volvéronse contra os rohirrim, a cabalería seguida dos seus Olifantes. A cabalería rohirrim foi quen de derrotar ós xinetes de Harad, ademais de que o rei dos haradrim foi derrotado por Théoden.

Porén, nese momento, no que os rohirrim crían ter gañado a batalla, o Señor dos Nazgûl descendeu na súa besta alada, e feriu gravemente ó rei Théoden. O nazgûl ía rematar ó rei da Marca cando de súpeto, a sobriña do rei, Éowyn, se plantou diante do rei Bruxo, e coa axuda do seu escudeiro Meriadoc, acabou con el. A carga dos Rohirrim detívose, e o moribundo Théoden nomeou ó seu sobriño Éomer como novo rei de Rohan. Non lonxe de alí, nos peiraos de Harlond, os barcos de Umbar atracaban. O bando de Mordor encheuse de xúbilo, pois crían que estes barcos transportaban as súas tropas de reforzo, e que coa axuda delas esmagarían ós gondorianos e ós rohirrim. O rei Éomer de Rohan non se arredou, e cabalgou ata os portos e levantou a súa espada fronte ós barcos, en sinal de desafío. Pero entón sucedeu algo que ningún dos dous bandos agardaba; no canto de transportar ós Corsarios de Umbar, os barcos levaban a Aragorn, brandindo a espada Anduril, e cos dúnedain do Norte detrás del, xunto cos seus compañeiros Legolas e Gimli, liderando un exército de gondorianos dos feudos. O desconcerto medrou entre os exércitos de Mordor, e despois de todo un día de sanguentos combates, no que moitos capitáns e soldados de ambos bandos pereceron, o bando dos Pobos Libres logrou derrotar ós exércitos de Mordor.

Baixas significativas en ambos bandos

editar

Nesta batalla perden a vida:

Resultaron gravemente feridos, polo influxo do Nazgûl, ambos artífices da súa derrota, Meriadoc e Éowyn, así como Faramir de Gondor, a causa da tolemia do seu pai Denethor. Pero puideron restablecerse todos eles nas Casas de Curación de Minas Tirith mediante a aplicación de athelas polo rei unxido de Gondor, Aragorn.

Variacións argumentais no filme de 2003

editar

A principal variación argumental introducida polo filme The Lord of the Rings: The Return of the King de Peter Jackson é a intervención nesta batalla dos mortos viventes, que na historia orixinal, xa tiñan cumprida a súa promesa na Batalla de Pelargir, quedando daquela liberados. Na novela intervén o exército de Montaraces do Norte, que non aparecen no filme. Liderados por Aragorn, foron os montaraces do norte xunto cos exércitos do sur de Gondor, os que desembarcaron en Pelennor cambiando o rumbo da batalla.

Do mesmo xeito, non aparece no filme a cabalería haradrim, nin os variags de Khand, nin os Homes Negros de Harad arredado como apoio a Mordor; nin os cabaleiros de Dol Amroth de Gondor, cuxo príncipe Imrahil ten unha actuación destacada na batalla da versión literaria.