[go: nahoru, domu]

Estado de sitio

réxime de excepción que pode declarar o goberno dun país en situacións excepcionais

O estado de sitio é un réxime de excepción que pode declarar o goberno dun país en situacións excepcionais.

Tamén se refire á medida que adopta o poder público para reforzar as facultades do poder executivo en detrimento das garantías individuais, a fin -e ás veces co pretexto- de manter a orde interior en casos de revolta dentro da nación ou dunha parte dela ou de agresión exterior.

O estado de sitio representa un concepto equivalente ao de estado de guerra, e por iso danse ás forzas armadas facultades preponderantes para os actos de represión. Durante o 'estado de sitio' quedan en suspenso as garantías constitucionais, con maior ou menor extensión, segundo as lexislacións. Nalgunhas delas, como sucede na Arxentina, autorízase ao xefe de Estado a deter ás persoas e a trasladalas dun punto a outro da nación, salvo que prefiran saír do territorio nacional.

A declaración do 'estado de sitio' representa, no Dereito Político, unha institución moi discutida, non porque se descoñeza a necesidade da súa implementación en momentos determinados, se non polos abusos a que se presta por parte do poder executivo.

Este estado dítase, xeralmente, en caso de invasión, guerra exterior, guerra civil ou perigo inminente de que se produzan.

En España

editar

En España é un dos tres réximes de emerxencia contemplados no artigo 116 da Constitución Española de 1978[1]. En concreto, o estado de sitio detállase no punto 4 do devandito artigo. Así mesmo, os seus efectos foron desenvolvidos no artigo 32-36 da Lei Orgánica 4/1981, dos estados de alarma, excepción e sitio[2].

O estado de sitio pode declararse de se produciren actos violentos contra a soberanía española, a súa integridade territorial ou a Constitución. O órgano capacitado para declaralo e estabelecer as súas condicións é a maioría absoluta do Congreso dos Deputados. Con todo debe mediar unha proposta do Goberno.

O estado de sitio é o máis restritivo dos tres estados de emerxencia que contempla a Constitución española. Sería o equivalente ao que noutros ordenamentos xurídicos é a declaración de estado de guerra ou a lei marcial. Os seus efectos supoñen a suspensión da práctica totalidade das liberdades recoñecidas na Constitución. Esta suspensión pode atinxir mesmo ás garantías xurídicas que se deben ofrecer ás persoas detidas: nese caso a suspensión farase explícita na declaración. Así mesmo, o estado de sitio contempla a posibilidade de que o Goberno delegue boa parte dos seus poderes na autoridade militar da súa designación.

O estado de sitio non foi declarado nunca en España desde a proclamación da Constitución de 1978.

  1. "Constitución Española de 1978" (PDF). Axencia Boletín Oficial Estado. Consultado o 20/03/2020. 
  2. "Lei Orgánica 4/1981, do 1 de xuño, dos estados de alarma, excepción e sitio". Agencia Estatal Boletín Oficial del Estado (en castelán). Consultado o 20/03/2020. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar