Real Club Fortuna de Vigo
O Real Club Fortuna de Vigo foi un equipo galego de fútbol da cidade de Vigo, fundado no ano 1905.
Nome | Real Club Fortuna | |
---|---|---|
Fundación | 1905 | |
Desaparición | 1923 | |
Estadio | Campo de Coia Coia, Vigo, Galicia | |
|
Traxectoria
Antecedentes
Vigo foi unha das cidades polas que entrou o fútbol na península, de man de mariñeiros e traballadores británicos. As primeiras demostracións do deporte foron por parte do equipo da empresa británica Eastern Telegraph Company, que estaba instalando o cable telegráfico entre as illas e Vigo para dende alí conectar con Lisboa. Este equipo chamouse Exiles Foot-Ball Club e disputou varios encontros contra as tripulacións mercantes e militares británicas de paso polo porto vigués. Pronto se crearon os primeiros equipos mixtos entre galegos e británicos, como por exemplo o Petit FC.
Fundación e fusión
Seguindo o exemplo de Barcelona, onde en 1899 se fundaron o FC Barcelona e o FC Catalá, en Vigo reflexouse o tirón que tivo o fútbol nesa época coa fundación en 1905 do Vigo Foot-ball Club e o Fortuna Foot-ball Club, habendo dende as orixes unha gran rivalidade entre os dous.
Fundado en 1905, o Fortuna Foot-ball Club recibiría en 1908 o título de Real, adoptando finalmente o nome de Real Club Fortuna de Vigo. Xogaba como local no campo de Coia.
Co fin de crear unha sociedade deportiva potente a nivel estatal e internacional o Fortuna fusiónase co seu gran rival, o Real Vigo Sporting Club, para dar lugar ao Real Club Celta de Vigo.
O último derbi entre os dous clubs vigueses antes da fusión foi o 11 de marzo de 1923, venceu o Vigo Sporting, declarandose gañador do campionato de Galicia cun gol de Ramón. O equipo titular formárono Lilo na portería, Juanito, Pasarín de defensas, Balbino, Torres e Córdoba no centro, e Reigosa, Rodríguez, Chicha, Correa e Salvador de dianteiros.
Palmarés
Torneos oficiais
- Campionato de Galicia (3): 1914-15, 1920-21 e 1921-22
- Subcampión do Campionato de Galicia (4): 1913-14, 1916-17, 1918-19 e 1922-23
Torneos non oficiais
- Campionato de Galicia (5): 1905-06, 1906-07, 1909-10, 1910-11 e 1911-12
- Subcampión do Campionato de Galicia (1): 1907-08