Stephen Hawking
Stephen William Hawking, nado en Oxford o 8 de xaneiro de 1942 e finado en Cambridge o 14 de marzo de 2018,[1] foi un físico teórico, cosmólogo, autor e director de investigación[2][3] británico. Os seus traballos científicos inclúen unha colaboración con Roger Penrose nos teoremas de singularidade gravitacional no eido da relatividade xeral, e a predición teórica de que os buratos negros emiten radiación, a miúdo chamada radiación de Hawking. Hawking foi o primeiro en expoñer unha teoría da cosmoloxía explicada pola unión da teoría xeral da relatividade e a mecánica cuántica. Foi un enérxico defensor da interpretación dos universos paralelos da mecánica cuántica.[4][5]
Foi membro de Honra da Real Sociedade das Artes, membro vitalicio da Academia Pontificia das Ciencias, e Medalla Presidencial da Liberdade, a máis alta condecoración civil dos Estados Unidos. Hawking foi profesor lucasiano na Universidade de Cambridge entre 1979 e 2009 e acadou o éxito comercial con obras sobre ciencia popular nas que expuxo as súas propias teorías e a cosmoloxía xeral. O seu libro, A Brief History of Time apareceu na lista británica dos mellor vendidos de Sunday Times durante 237 semanas.
Hawking sufriu un rara enfermidade de lenta progresión, a esclerose lateral amiotrófica (ELA), tamén coñecida como doenza de Lou Gehrig, que levou varias décadas paralizándoo progresivamente.[6] Comunicábase empregando un único músculo da súa meixela conectado a un dispositivo xerador de voz. Hawking casou dúas veces e tivo tres fillos.
Traxectoria
editarOs seus pais foron Frank e Isobel Hawking. Tiña dúas irmás máis novas, Philippa e Mary, e un irmán adoptivo, Edward. Da súa familia, Hawking tivo na súa nai, quen era unha activa política, o membro máis próximo. A casa dos seus pais estaba no norte de Londres, pero durante a segunda guerra mundial considerábase que Oxford era un dos lugares máis seguros para ter nenos. Cando tiña oito anos, a súa familia mudouse a St Albans, unha vila a unhas 20 millas ó norte de Londres. Ós once anos Stephen foi á Escola de St Albans, e logo ó Colexio Maior Universitario en Oxford, antigo colexio do seu pai. Stephen quería facer Matemáticas, pese a que o seu pai preferiría Medicina. Como Matemáticas non podía estudarse no Colexio Universitario, optou por Física. Despois de tres anos e moito traballo concedéuselle o título de primeira clase con honores en Ciencias naturais.
Tras obtelo doutoramento pasou a ser Investigador, e máis tarde Profesor nos Colexios Maiores de Gonville e Caius. Despois de abandona-lo Instituto de Astronomía en 1973, Stephen entrou no Departamento de Matemáticas Aplicadas e Física teórica, e desde 1980 ocupa o posto de Profesor Lucasiano de Matemáticas. A Cátedra foi fundada en 1663 con fondos concedidos no testamento do Reverendo Henry Lucas, quen fora Membro do Parlamento pola Universidade. Foi primeiro cuberta por Isaac Barrow, e logo en 1669 por Isaac Newton.
En 1985 foi traqueostomizado e desde entón emprega un sintetizador de voz para comunicarse. Gradualmente foi perdendo o uso dos seus brazos e pernas, así como do resto da musculatura voluntaria, incluíndo a forza do pescozo para manter a cabeza ergueita, con todo o cal a súa mobilidade é practicamente nula (Esclerose lateral amiotrófica, o mesmo caso de Jason Becker). A cadeira de rodas que utiliza en público está controlada por unha computadora que Hawking manexa mediante leves movementos de cabeza e ollos, o que tamén lle permite seleccionar palabras e frases no sintetizador de voz.
Casou por primeira vez en xullo de 1965 con Jane Wilde. Hawking casou por segunda vez coa súa enfermeira - Elaine Mason - o 16 de setembro de 1995. Hawking continúa combinando a vida en familia (coa súa esposa, os seus tres fillos e un neto) e a súa investigación en física teórica xunto cun extenso programa de viaxes e conferencias.
O asteroide 7672 Hawking foi chamado así na súa homenaxe.
Era ateo.[7] Estaba en contra do capitalismo.[8][9]
Obra
editarHawking traballou nas leis básicas que gobernan o universo. Xunto con Roger Penrose mostrou que a Teoría Xeral da Relatividade de Einstein implica que o espazo e o tempo han de ter un principio no Big Bang e un final dentro de buracos negros. Semellantes resultados sinalan a necesidade de unificar a Relatividade Xeral coa Teoría Cuántica, o outro gran desenvolvemento científico da primeira metade do século XX. Unha consecuencia de tal unificación que el descubriu era que os buracos negros non eran totalmente negros, senón que podían emitir radiación e partículas subatómicas (coñecidas como radiación Hawking) e eventualmente evaporarse e desaparecer. Outra conxectura é que o universo non ten bordos ou límites no tempo imaxinario. Isto implicaría que o modo en que o universo empezou queda completamente determinado polas leis da ciencia.
As súas numerosas publicacións inclúen "The Large Scale Structure of Spacetime" con G. F. R. Ellis, "General Relativity : an Einstein Centenary Survey" con W. Israel, e "Three Hundred Years of Gravitation", con W. Israel. Stephen Hawking publicou tres libros de divulgación: o seu éxito de vendas A Brief History of Time, "Black Holes and Baby Universes and Other Essays" e máis recentemente en 2001, "The Universe in a Nutshell", e en 2005, A Briefer History of Time, unha versión revisada e ampliada do seu primeiro best-séller.
Obras técnicas
editar- The Large Scale Structure of Spacetime con George Ellis,
- The Large, the Small, and the Human Mind, (con Abner Shimony, Nancy Cartwright, e Roger Penrose).
Obras populares
editar- A Brief History of Time traducida ao galego co título Unha breve historia do tempo,
- Black Holes and Baby Universes and Other Essays,
- The Universe in a Nutshell,
- On The Shoulders of Giants. The Great Works of Physics and Astronomy,
- A Briefer History of Time.
- Brief Answers to the Big Questions (2018)
Currículum
editarO Profesor Hawking ten doce doutorados honoríficos, gañou o CBE en 1982 e foi designado Compañeiro de Honor en 1989. É o receptor de numerosos premios (por exemplo, o Premio Príncipe de Asturias da Concordia en 1989), galardóns e medallas e é Membro de Honor da Royal Society e da US National Academy of Sciencies.
Notas
editar- ↑ Redacción (14 de marzo de 2018). "Morre Stephen Hawking, o físico que revolucionou a idea do universo". GCiencia. Consultado o 14 de marzo de 2018.
- ↑ Ctc.cam.ac.uk (ed.). "Centre for Theoretical Cosmology: Outreach Stephen Hawking". Consultado o 23 de xuño de 2013.
- ↑ Stephen Hawking Official Website (ed.). "About Stephen – Stephen Hawking". Arquivado dende o orixinal o 30 de agosto de 2015. Consultado o 23 de xuño de 2013.
- ↑ Gardner, Martin (setembro-outubro de 2001). "Multiverses and Blackberries". "Notes of a Fringe-Watcher". Skeptical Inquirer. Volume 25, No. 5.
- ↑ Price, Michael Clive (febreiro de 1995). "THE EVERETT FAQ" Arquivado 03 de xullo de 2015 en Wayback Machine.. Departmento de Física, Washington University in St. Louis. Consultado o 17 de decembro de 2014.
- ↑ Scientific American, ed. (7 de xaneiro de 2012). "How Has Stephen Hawking Lived to 70 with ALS?". Consultado o 23 de decembro de 2014.
Q: How frequent are these cases of very slow-progressing forms of ALS? A: I would say probably less than a few percent.
- ↑ Jamie Ducharme (14 de marzo de 2018). "Stephen Hawking Was an Atheist. Here's What He Said About God, Heaven and His Own Death". Time (en inglés). Consultado o 14 de marzo de 2018.
- ↑ Alexander C. Kaufman (18 de agosto de 2015). "Stephen Hawking Says We Should Really Be Scared Of Capitalism, Not Robots". Huffington Post (en inglés). Consultado o 16 de marzo de 2018.
- ↑ Rob Price (14 de marzo de 2018). "Stephen Hawking's final Reddit post was an ominous warning about the future of humanity and capitalism". Business Insider (en inglés). Consultado o 16 de marzo de 2018.
Véxase tamén
editarA Galicitas posúe citas sobre: Stephen Hawking |