Tancredo de Sicilia
Tancredo de Sicilia, tamén coñecido como Tancredo de Lecce e como Tancredo I de Sicilia, nado en Lecce contra 1138 e finado o 20 de febreiro de 1194, foi conde de Lecce (1149-1154 e 1169-1194) e despois rei de Sicilia desde 1189 até 1194.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1138 Lecce, Italia |
Morte | 20 de febreiro de 1194 (55/56 anos) Palermo, Italia |
Lugar de sepultura | Catedral de Palermo |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Familia | |
Familia | Casa de Hauteville |
Cónxuxe | Sibylla of Acerra |
Fillos | Sibylla of Sicily, Elvira of Sicily, Roger III de Sicilia, Guillerme III de Sicilia, Constance of Sicily, Dogaressa of Venice, Valdrada di Sicilia |
Pais | Roger III, Duke of Apulia e Emma de Lecce |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Meyers Konversations-Lexikon, 4th edition (1885–1890) (en) |
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarEra fillo ilexítimo do príncipe Roxerio de Puglia, duque de Puglia, fillo máis vello do rei Roxerio II de Sicilia, e de Emma, filla do conde Acardo II de Lecce. Herdou o título de conde de Lecce do seu avó en 1149. Proscrito no reino normando de Sicilia no tormentoso reinado do rei Guillerme o Mao, viviu en Bizancio con outros exiliados do Reino.
En 1174 comandou a frota que o seu primo o rei Guillerme II enviara contra Exipto. A frota chegou ás proximidades de Alexandría o 28 de xullo dese mesmo ano, o exército que transportaba desembarcou e puxo cerco á cidade. Pero a falta de coordinación co Reino de Xerusalén, onde o rei Amalarico I acababa de morrer, fixo que o rexente Miles de Plancy non enviara un exército como distracción. Saladino, que podía dedicar todos os seus recursos para contrarrestar a invasión, destruíu as máquinas de guerra sicilianas o 31 de xullo e repeleu aos cruzados o 2 de agosto.[1][2]
Reinado
editarEn 1189 Tancredo rebelouse e tomou o control do Reino de Sicilia, sendo coroado como rei Tancredo I de Sicilia a principios de 1190. O seu golpe foi apoiado polo chanceler Mateo d'Ajello e os oficiais desta, mentres que as reclamacións da súa rival, a filla de Roxerio I, Constanza, e o seu marido, Henrique VI, Rei de romanos, foron apoiadas pola maioría dos nobres.
A pesar dol apoio popular, o seu goberno enfrontouno a grandes desafíos desde o principio. En 1190 Ricardo I de Inglaterra chegou a Sicilia á cabeza dun grande exército cruzado no seu camiño cara a Terra Santa. Ricardo inmediatamente pediu a liberación da súa irmá, Xoana, encarcerada por Tancredo en 1189, xunto con cada penique do seu dote e a súa herdanza. Tamén insistiu en que Tancredo cumprira os compromisos financeiros feitos por Guillerme II á Tereceira Cruzada. Cando Tancredo se resistiu ás súas peticións, Ricardo tomou un mosteiro e o castelo de La Bagnara.
Ricardo uniuse en Sicilia co exército cruzado francés, encabezado por Filipe II de Francia. A presenza de dous exércitos estranxeiros causou o descontento entre os sicilianos. En outubro, o pobo de Mesina rebelouse, demandando que os estranxeiros abandonaran a illa. Ricardo respondeu atacando Mesina, que foi conquistada o 4 de outubro de 1190. Despois de que a cidade fora saqueada e queimada, Ricardo estableceu a súa base alí e decidiu quedar aquel inverno.
Permaneceu en Mesina até marzo de 1191, cando Tancredo por fin accedeu a concertar un acordo:
Segundo os principais termos dese acordo:
- Xoana sería posta en liberdade, recibindo a súa herdanza ao mesmo tempo que o dote que seu pai lle dera pola defunción de Guillerme.
- Ricardo e Filipe recoñecían a Tancredo como rei legal de Sicilia e xuraban os tres gardar a paz entre os seus reinos.
- Ricardo proclamaba oficialmente ao seu sobriño Artur da Bretaña, fillo póstumo de Godofredo, o seu herdeiro e Tancredo prometía casar cunha das súas fillas cando Artur chegara á maioría de idade (tiña daquela catro anos).
Despois de asinar o tratado, Ricardo e Felipe partiron de Sicilia cara a Terra Santa.
Libre por fin dos cruzados, Tancredo enfrontouse a unha ameaza procedente do norte. En abril de 1191, en Roma, Henrique e Constanza foran coroados emperador e emperatriz do Sacro Imperio polo papa Celestino III, e entón a parella volveu ao sur para reclamar o Reino de Sicilia en nome de Constanza, que era a filla póstuma de Roxerio II e da súa terceira esposa Beatriz de Rethel, e por conseguinte era a herdeira lexítima ao trono.
Constanza acompañou ao seu marido á cabeza dun considerábel exército imperial que entrou no Regno. As cidades do norte do Reino (é dicir, as situadas na península) abriron as súas portas a Henrique, incluso as fortalezas normandas de Capua e Aversa. Salerno, que foi a principal capital de Roxerio II, fixo correr a voz de que Henrique era benvido e invitou a Constanza a quedar no antigo palacio de seu pai para librarse da calor do verán. Nápoles foi a primeira en ofrecer resistencia á campaña, soportando o asedio coa axuda da frota de Margaritone de Brindisi, até que gran parte do exército sucumbiu á malaria. Ao final, o exército imperial foi forzado a retirarse totalmente do Reino. Constanza quedou en Salerno cunha pequena gornición, como sinal de que Henrique regresaría cedo.
En canto Henrique se retirou coa maior parte do exército imperial, as cidades que teoricamente recaeran no Imperio, inmediatamente declararon a súa lealdade a Tancredo, porque a maioría tiñan medo a que as castigara. O pobo de Salerno viu a oportunidade de gañar o favor de Tancredo e entregoulle a Constanza en Mesina, un premio importante dado que Henrique tiña intención de regresar. Porén, Tancredo estaba disposto a prescindir da vantaxe da súa negociación, é dicir, a emperatriz, a cambio de que o papa Celestino III o lexitimara como rei de Sicilia. Pola súa parte, o papa tiña a esperanza de que conseguindo a viaxe de regreso de Constanza a Roma, Henrique tería mellor disposición cara ao papado, e tamén esperaba que o Imperio e o Reino se mantiveran unidos. Porén, os soldados imperiais puideron intervir antes de que Constanza fora a Roma, e devolvérona sen perigo a través dos Alpes.
Derradeiros anos e morte
editarHenrique deixara gornicións ao longo das fronteiras do Regno. Tancredo tratou de gañar o apoio das cidades con considerábeis concesións de privilexios. En Gravina (xuño de 1192) reforzou o seu apoio ao papa entregándolle a un membro da familia real de Sicilia. En 1192 e 1193 liderou persoalmente exitosas campañas contra os baróns da Puglia. Pero aos poucos días, a súa morte en Palermo (20 de febreiro de 1194) abría o camiño ao goberno Hohenstaufen en Sicilia.
Rexencia de Sibila. Fin da dinastía Hauteville
editarA esposa de Tancredo, Sibila de Acerra, estableceu a rexencia do seu segundo fillo Guillerme III. Pero en maio de 1194 Henrique VI volveu a Italia, onde acaba de morrer Tancredo, co seu exército financiado polo lucrativo rescate de Ricardo I.
O exército imperial encontrou pouca resistencia. Nápoles rendeuse en maio, case sen loita, e o resto do Reino fixo o mesmo. Sibila e o leal Margaritone prepararon a defensa de Palermo, pero os seus habitantes admitiron ao emperador o 20 de novembro de 1194. Henrique foi coroado como rei de Sicilia o 25 de decembro.
Henrique Hohenstaufen emprendeu nese mesmo día un masacre sanguento dos baróns normandos. Os nobres e os bispos que asistiran á coroación do seu rival Tancredo foron queimados vivos nun campo cerca de Palermo, a cincocentos metros do palacio real. Henrique fixo logo desenterrar os restos de Tancredo e do seu fillo Roxerio, aos que lles arricou as súas coroas de ouro antes de mandar decapitar os seus cadáveres.
O rei neno Guillerme foi capturado e obrigado a ceder a súa coroa. Foi torturado antes de que lle sacaran os ollos de ser castrado. Despois foi enviado ao exilio a Alemaña (talvez a Alsacia ou ao actual cantón dos Grisóns), onde morreu, probabelmente pouco despois, en condicións escuras o último rei normando de Sicilia,
O único fillo de Henrique e Constanza, o futuro Frededrico II, naceu ao día seguinte en Iesi, cerca de Ancona.[3]
Acababa así a dinastía da casa de Hauteville e entraba a dos Hohenstaufen.
Predecesor: Guillerme II |
Rey de Sicilia 1190 - 1194 |
Sucesor: Guillerme III (Baixo a rexencia da súa nai Sibila de Acerra) |
Notas
editar- ↑ René Grousset (1935): Histoire des croisades et du royaume franc de Jérusalem. II 1131-1187. Paris: Perrin. L'équilibre (reimpr. 2006). ISBN 2-262-02568-1, pp. 586-588.
- ↑ Aubé, Pierre (1981): Baudouin IV de Jérusalem, le roi lépreux. Paris: Hachette, col. Pluriel (reimpr. 1996). ISBN 2-01-278807-6, pp. 90-91.
- ↑ Bogdan 2003, p. 114.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tancredo de Sicilia |
Bibliografía
editar- Bogdan, Henry (2003): Histoire de l'Allemagne de la Germanie à nos jours. París: Perrin. ISBN 2-262-02106-6.
- Chalandon, Ferdinand (1907): Histoire de la domination normande en Italie et en Sicile. París: A. Picard.
- Norwich, John Julius (1970): The Kingdom in the Sun (1130-1194). Londres: Longmans. ISBN 978-0-5711-0903-6.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Tancred King of Sicily en Medieval Lands (en inglés). Consultada o 8 de novembro de 2016.
- Rexistro dos actos de Tancredo (en italiano). Consultada o 8 de novembro de 2016.
- Gaetano Moroni (1854): Dizionario di erudizione storico-ecclesiastica. Tipografia Emiliana, páx. 179.