Lingua grega
Esta páxina ou sección está a editarse nestes intres. Para evitar posibles conflitos de edición, non edites esta páxina ou sección mentres vexas esta mensaxe. Revisa o historial de edicións para saber quen traballa nela. O usuario Breogan2008 (conversa · contribucións) realizou a última edición na páxina hai 3 anos. O tempo máximo de presenza deste marcador é dun mes dende a última edición do usuario que o puxo; pasado ese tempo debe retirarse. |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2016.) |
A lingua grega[1] (en grego moderno: ελληνικά, elliniká, e en grego antigo: Ἑλληνική, hellēnikḗ) é unha lingua indoeuropea pertencente á póla helénica orixinaria de Grecia, Chipre, Albania, outras partes do leste do mar Mediterráneo e o mar Negro. Ten a historia documentada máis longa de calquera lingua indoeuropea, a cal abrangue 3 400 anos de rexistro escrito.[2] O seu sistema de escrita é o alfabeto grego, que foi usado durante 2 000 anos; anteriormente, utilizou sistemas de escrita como o lineal B e o silabario chipriota.[3] O alfabeto grego xurdiu do alfabeto fenicio, e á súa vez foi a base do alfabeto latino, cirílico, armenio, copto e gótico, entre outros sistemas de escrita.
Lingua grega Ελληνικά | ||
---|---|---|
Falado en: | Grecia, Chipre | |
Total de falantes: | 13,5 millóns (2012) | |
Posición: | 74 | |
Familia: | Indoeuropea Helénica Ática Lingua grega | |
Escrita: | Alfabeto grego | |
Status oficial | ||
Lingua oficial de: | Grecia Chipre Unión Europea | |
Regulado por: | Academia da Lingua Grega | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | el
| |
ISO 639-2: | gre (B) | ell (T) |
ISO 639-3: | ell
| |
SIL: | GRK
| |
Mapa | ||
Status | ||
A lingua grega ocupa un importante lugar na historia do mundo occidental.[4] Comezando cos poemas épicos de Homero, a literatura grega antiga inclúe moitas obras de importancia para o canon europeo. O grego tamén é a lingua de moitos textos fundacionais da ciencia e da filosofía. O Novo Testamento da Biblia cristiá tamén foi escrito en grego.[5][6] Xunto cos textos en latín e as tradicións do mundo romano, o estudo dos textos e da sociedade grega da antigüidade constitúen a disciplina dos estudos clásicos.
Durante a antigüidade, o grego era falado como lingua franca no mundo Mediterráneo. Posteriormente converteríase na lingua do Imperio Bizantino e evolucionou no grego medieval.[7] Na súa forma moderna, o grego é a lingua oficial de Grecia e Chipre, e é unha das 24 linguas oficiais da Unión Europea. É falado por, cando menos, 13,5 millóns de persoas en Grecia, Chipre, Italia, Albania, Turquía e pola diáspora grega.
As raíces lingüísticas gregas son empregadas a miúdo para crear novas palabras noutras linguas, e o grego e o latín son as fontes predominantes para o vocabulario científico internacional.
Historia
- Artigo principal: Histora da lingua grega.
Historia da lingua grega (ver tamén: alfabeto grego) |
Protogrego (c. –2000)
|
Micénico (c. -1600–-1100)
|
Grego antigo (c. –800–-300) Dialectos: Eolio, Arcadochipriota, Ático, Dórico, Macedonio, Xónico |
Koiné (desde c. -300)
|
Grego bizantino (c. -330–1453)
|
Grego moderno (desde 1453) Dialectos: Capadocio, Chipriota, Demótico, Griko, Katharevousa, Póntico, Tsakonio, Ievánico |
O grego foi falado na península dos Balcáns dende o terceiro milenio a.C.,[8] ou posiblemente mesmo antes.[9] A evidencia escrita máis antiga é unha táboa de barro en lineal B atopada en Mesenia e que data do 1450 ó 1350 a.C.,[10] convertendo ó grego na lingua viva co rexistro histórico máis antigo. Entre as linguas indoeuropeas, a súa data do rexistro escrito máis antiga só coincide coas hoxe extintas linguas anatólicas.
Períodos
O grego de hoxe deriva da koiné, herdeira directa do grego antigo, pero sufriu un gran número de transformacións fonéticas (como o iotacismo, a psilose, a desaparición das oposicións de cantidade vocálica, a espirantización das antigas aspiradas, o paso dun acento de altura a un acento de intensidade ou mesmo a caída dalgúns fonemas, como [n], en posición final), léxicas (numerosos préstamos das linguas modernas) e gramaticais (simplificación da flexión nominal, da conxugación).
De feito, a un falante de grego moderno non lle é posible comprender correctamente un texto en grego antigo, do mesmo xeito que un galego falante non é quen de traducir, sen ter estudado a lingua, un texto en galego antigo. Pódese ilustrar esta evolución cun curto extracto do Novo Testamento (Xoán I, 1) en grego moderno e en grego antigo (koiné, de feito). A pronunciación indícase de maneira fonolóxica e os tons do grego antigo nótanse de maneira simplificada. finalmente, escollemos transcribir o grego antigo tal como era pronunciado na época clásica e non como o era na época de redacción do texto, para marcar mellor as diferenzas:
Grego moderno | Grego antigo |
---|---|
1 Στην αρχή ήταν ο Λόγος, και ο Λόγος ήταν μαζί με τον Θεό, και ο Λόγος ήταν Θεός. | 1 Ἐν ἀρχῇ ἦν ὁ Λόγος, καὶ ὁ Λόγος ἦν πρὸς τὸν Θεόν, καὶ Θεὸς ἦν ὁ Λόγος. |
/stin ar'çi 'itan o 'loɣos ke o 'loɣos 'itan ma'zi me ton θe'o ke o 'loɣos 'itan θe'os/ | /en arkʰέì έὲn ho lógos kaí ho lógos έὲn prós tón tʰeón kaí tʰeón έὲn ho lógos/ |
2 Αυτός ήταν στην αρχή μαζί με τον Θεό. | 2 Οὗτος ἦν ἐν ἀρχῇ πρὸς τὸν Θεόν. |
/af'tos 'itan stin ar'çi me ton θe'o/ | /hóòtos έὲn en arkʰέì prós tón tʰeon/ |
1 Ao principio era o Verbo e o Verbo era Deus. 2 Estaba ao principio con Deus. |
A lingua actual é unha variante chamada dhimotiki, que substituíu en 1975 a unha lingua artificial e arcaizante, a katharevousa. Ademais, desde 1982, a lingua escríbese co sistema monotónico.
Escritura e pronunciación
O grego moderno escríbese cun alfabeto de vinte e catro letras, herdado do inicio do período arcaico (século VIII antes da nosa era). Cada letra correspondía ao principio a un son diferente (con ambigüidades, principalmente no caso das vogais), pero en grego moderno a pronunciación evolucionou, e varias letras ou grupos de letras se pronuncian da mesma maneira, cousa que fai que a súa ortografía sexa tan complexa como a do francés, por exemplo (oír unha palabra non é a miúdo suficiente para poder escribila: por exemplo, existen cinco grafías para o son «i», en razón do iotacismo). A táboa inferior dá a pronunciación das letras. O acento agudo (ou recto, segundo os tipos de letra) marca o acento tónico, en letra grosa na transcrición.
O grego moderno segue regras de sandhi tanto internes como externas. Por exemplo, un /n/ final adapta o seu punto de articulación á consoante inicial da palabra que segue (ante unha velar, pasa a [ŋ]; en posición final dalgunhas palabras gramaticais como την, τον, δεν, desaparece ante unha fricativa; sonoriza unha oclusiva xorda que o segue e pode impedir que unha sonora se espirantice, as asimilacións poden ser progresivas: τον πατέρα [tɔm ba'tεɾa]).
Letra | Nome | Pronunciación |
---|---|---|
Α α | άλφα (alpha) | /a/ |
Β β | βήτα (vita) | /v/ do francés “voiture” |
Γ γ | γάμμα (ghama) | ante os sons /a/, /o/ e /u/ (), /ɣ/ próxima do r francés de rien pero velar e non uvular; ante os sons /i/ e /ɛ/, iode /j/ como o i de Noia. |
Δ δ | δέλτα (dhelta) | /ð/ th inglés de «this» |
Ε ε | έψιλον (epsilon) | /ɛ/de apertura intermedia |
Ζ ζ | ζήτα (zita) | /z/ |
Η η | ήτα (ita) | /i/ |
Θ θ | θήτα (thita) | /θ/, th inglés de «to think» |
Ι ι | γιώτα (iota) | /i/ |
Κ κ | κάππα (kapa) | /k/ |
Λ λ | λάμδα (lamdha) | /l/ |
Μ μ | μυ (mi) | /m/ |
Ν ν | νυ (ni) | /n/ |
Ξ ξ | ξι (ksi) | /ks/ como o x de sexo (en xeral: ξέρω /'ksɛrɔ/ «eu sei») ou /gz/ como o x de exame (tras n: δεν ξέρω = /ðɛŋg'zɛrɔ/ podendo chegar ata /ðɛg-/ = «eu non sei») |
Ο ο | όμικρον (omicron) | /ɔ/ |
Π π | πι (pi) | /p/ |
Ρ ρ | ρω (ro) | /ɾ/ (mono)vibrante (italiano Roma, galego cara) |
Σ σ/ς | σίγμα (sighma) | /s/ alveolar (/z/ ante consoante sonora: σβέλτος, σμάλτο /sv-, sm-/ «esvelto, esmalte») |
Τ τ | ταυ (taf) | /t/ |
Υ υ | ύψιλον (ipsilon) | /i/, agás como segundo elemento de ditongo: ου pronúnciase /u/ como en “música”, αυ e ευ pronúncianse respectivamente /af/ e /ɛf/ ou /av/ e /ɛv/ (segundo que o son que siga sexa sonoro ou non: αυτό = /af'tɔ/ = «iso», αύριο = /'avriɔ/ = «mañá») |
Φ φ | φι (fi) | /f/ |
Χ χ | χι (chi) | /ç/: ch alemán de ich ante os sons /i/ e /ɛ/ (un iode /j/ non sonoro); /x/: ch alemán de ach ante os sons /a/ e /u/ (versión non sonora do /ɣ/) |
Ψ ψ | ψι (psi) | /ps/ como en psicoloxía |
Ω ω | ωμέγα (omegha) | /ɔ/ |
Ademais, algúns grupos de letras que forman dígrafos teñen unha pronunciación especial:
Letras | Pronunciación |
---|---|
αι | como ε: /ɛ/ |
γγ e γκ | /g-/ en inicial, /-ng-/ [-ŋɡ-] noutras posicións |
ει, οι, υι | como ι, υ, η: /i/ |
μπ | /b-, -mb-/ como en bar (que en grego se escribe μπαρ…) |
ντ | /d-, -nd-/ como en demo |
ου | /u/ como en cu |
τσ | /ʦ/ (africada) pero alveolar |
τζ | /ʣ/ (africada) pero alveolar |
λι + V | /ʎ/ como en galego solla |
Exemplos
Palabra | Transcrición | Significado |
---|---|---|
αίμα | èma | ‘sangue’ (pensar en «hematoma», «hematoloxía») |
καλοριφέρ | kalorifèr | ‘radiador’ :-) |
είναι | inè | ‘el/ela é’ ou ‘eles/elas son’ |
μπαρμπάς | barbas | ‘tío’ |
εντάξη | èndaksi | 'de acordo' |
Gramática
O grego moderno é unha lingua con declinacións (como o alemán, por exemplo): a terminación das palabras cambia segundo a función da palabra na frase. Mesmo os nomes propios se declinan: por exemplo, dirase ο Φίλιππος έφυγε (o Phílippos éfiye: «Filipe marchou»), βλέπω τον Φίλιππο (vlépo ton Phílippo: «Vexo a Filipe»), είναι το σπίτι του Φίλιππου (íne to spíti tou Phílippou: «é a casa de Filipe»).
Ademais, o grego distingue dous aspectos para cada verbo, marcados cada un por unha forma distinta: unha forma continua (calcada sobre o presente) e unha forma instantánea (calcada sobre o pasado, chamado aoristo). Esta diferenza é moi viva e vólvese atopar no futuro e no subxuntivo. Un Grego non ha confundir θα τον δω (tha ton dho) e θα τον βλέπω (tha ton vlépo): os dous significan «eu vereino», pero o primeiro sobreentende «unha vez» mentres que o segundo significa «continuamente».
Léxico
O grego moderno conserva moito léxico herdado do grego antigo, pero tomou prestadas tamén moitas palabras do latín, do turco, e, máis modernamente do francés e do inglés.
Notas
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para grego.
- ↑ "Greek language". Encyclopædia Britannica. Encyclopædia Britannica, Inc. Consultado o 29 de abril de 2014.
- ↑ 1922-, Adrados, Francisco Rodríguez (2005). A history of the Greek language : from its origins to the present. Leiden: Brill. ISBN 978-90-04-12835-4. OCLC 59712402.
- ↑ A history of ancient Greek by Maria Chritē, Maria Arapopoulou, Centre for the Greek Language (Thessalonikē, Greece) pg 436 ISBN 0-521-83307-8
- ↑ Kurt Aland, Barbara Aland The text of the New Testament: an introduction to the critical 1995 p52
- ↑ Archibald Macbride Hunter Introducing the New Testament 1972 p9
- ↑ Manuel, Germaine Catherine (1989). A study of the preservation of the classical tradition in the education, language, and literature of the Byzantine Empire. HVD ALEPH.
- ↑ Renfrew 2003, p. 35; Georgiev 1981, p. 192.
- ↑ Gray & Atkinson 2003, pp. 437–438; Atkinson & Gray 2006, p. 102.
- ↑ "Ancient Tablet Found: Oldest Readable Writing in Europe". National Geographic Society. 30 de marzo de 2011. Consultado o 22 de novembro de 2013.
Véxase tamén
Existe unha versión da Wikipedia en Lingua grega |