Comentario de textos poéticos
Este artigo pretende explicar o procedemento de comentario dun texto poético
Introdución ó comentario de textos poéticos
[editar]Pode ser un quen de recoñece-lo autor do texto e de facer unha breve introdución inserindo a súa obra na historia da literatura e a composición na súa obra. Con todo, como isto non ten, nin sequera que ser habitual, caso de non ser coñecedor da autoría, débese proceder cando menos a
- Determina-lo xénero literario
- Matiza-lo subxénero ó que poida pertencer
- Integra-lo poema dentro da tradición galega, hispánica e occidental.
Logo de facer isto, sempre que a esta altura resulte posible, poderíase desenvolver un breve resumo, no cal que se manifeste o tema central e os motivos menos desenvolvidos que serven de complemento, contraste ou mesmo de descanso do tema central.
Esquema sobre o plano da expresión
[editar]O compoñente métrico-fonolóxico
[editar]O verso
[editar]O verso é a unidade mínima do compoñente métrico-fonolóxico dotada de sentido e que, combinada, compón a estrofa
Tipos de verso polo número de sílabas
[editar]- Versos simples
- De arte menor: teñen até oito sílabas.
- De arte maior: teñen entre nove e once sílabas.
- Versos compostos
- Teñen doce sílabas ou máis. A cesura é unha pausa que se encontra aproximadamente na metade do verso. O hemistiquio é cada unha das partes en que a cesura divide o verso composto. Denomínase isostiquio cando as dúas partes teñen a mesma medida e heterotiquio cando teñen medida diferente.
Tipos de verso pola posición do acento
[editar]- Verso iámbico: O acento estrófico recae sobre unha sílaba par.
- Verso trocaico: O acento estrófico recae sobre unha sílaba impar.
Os versos poden ser preparoxítonos, paroxítonos e oxítonos segundo o acento recaia na antepenúltima, penúltima ou última sílabas.
A cantidade
[editar]A cantidade é o cómputo métrico fonolóxico.
- sinalefa: unión nunha única sílaba da sílaba final dunha palabra que termina nunha vogal coa seguinte se esta comeza por vogal (a patria esquecendo, Eduardo Pondal)
- dialefa: non realización de sinalefa para adaptar así un verso a determinada medida métrica.
- diérese: ruptura dun ditongo verdadeiro para adaptar a medida do verso aos anteriores ou posteriores (Tan soamente fiadas, Pondal)
- sinérese: formación dun ditongo inexistente (Das fillas de Breogán, Pondal).
- aférese: supresión dunha sílaba ao principio de palabra (¡Rosalía! ¡ña Nai!, Cabanillas).
- prótese: adición dunha sílaba ao principio de palabra (anamorado, Curros Enríquez).
- síncopa: supresión dunha sílaba no medio da palabra (non vin soio, miña xoia, Rosalía).
- epéntese: adición dunha sílaba no medio da palabra (... o voxo constante, por voo, Pondal).
- apócope: supresión dunha sílaba no fin da palabra.
- paragoxe: adición dunha sílaba no fin da palabra (Todo é folgare, Rosalía).
- anacruse: sílabas febles, anteriores ao primeiro apoio rítmico do verso simple ou de cada hemistiquio composto, que poden non ser computadas (envolveito en brancuras recentes de liño, Cabanillas).
O acento
[editar]- Acento estrófico: É o acento que aparece sempre na penúltima sílaba da última palabra do verso.
- Acentos rítmicos: Son os demais acentos do verso que coinciden co estrófico ao recaer en sílaba par ou ben impar.
- Acentos extrarítmicos: Son os acentos contiguos a un acento rítmico.
- a: átona; t: tónica.
- Acento iámbico: a-t. O sol na corda está enterrado (Xosé María Díaz Castro)
- Acento trocaico: t-a. Uces e toxeiras nas estrelas (Eduardo Moreiras)
- Acento dactílico: t-a-a. San Benitiño de Coba de lobo (Popular)
- Acento anfibráquico: a-t-a. As cóchegas brandas, as litas alegres (Rosalía)
- Acento anapéstico: a-a-t. Víndeo ver como bule cós dedos (Rosalía)
- Verso de gaita galega: acento na terceira e novena no decasílabo ou na cuarta e décima no hendecasílabo.
Tipos de hendecasílabos
[editar]- Hendecasílabo ITALIANO: Acento na 4ª, 8ª e 10ª
- Hendecasílabo ENFÁTICO: Acento na 1ª, 6ª e 10ª
- Hendecasílabo HEROICO: Acento na 2ª, 6ª e 10ª
- Hendecasílabo MELÓDICO: Acento na 3ª, 6ª e 10ª
- Hendecasílabo SÁFICO: Acento na 1ª, 4ª, 6ª ou 8ª e 10ª
- Hendecasílabo Á FRANCESA: Acento na 4ª sobre palabra aguda, 6ª ou 8ª e 10ª
- PENTASÍLABO ADÓNICO: 1ª e 4ª
A pausa rítmica
[editar]- Pausa rítmica INICIAL: É a que se encontra ó inicio do primeiro verso da estrofa ou do poema
- Pausa rítmica VERSAL: Aparece ó remata-lo verso cando posúe este esticomitia
- Pausa rítmica ESTRÓFICA: Pausa que separa as estrofas
- Pausa rítmica FINAL TOTAL: Encóntrase ó finaliza-lo poema
- BRAQUISTIQUIO: Pausa verbal que aparece co encabalgamento abrupto
O ton
[editar]O ton dun verso é un fenómeno que se relaciona estreitamente coa lonxitude do mesmo posto que canto maior sexa o número de sílabas métricas que posúa o verso o ton será máis grave, solemne e cerimonioso, e cantas menos teña o ton será máis áxil e dinámico.
Esticomitia
[editar]Axuste que existe entre a construción sintáctica e o verso (É o contrario ó encabalgamento) (Unha oración ocupa un verso)
Encabalgamento, rima e estrofa
[editar]Encabalgamento
[editar]Denomínase encabalgamento ao desaxuste existente entre a pausa rítmica e a constución sintáctica (unha oración ocupa máis dun verso). O verso encabalgante é o que inicia o encabalgamento e o verso encabalgado é o que o finaliza.
Fálase de encabalgamento abrupto cando o verso encabalgante termina antes da quinta sílaba métrica do verso encabalgado. Ao acontecer isto aparece inmediatamente unha pausa verbal denominada braquistiquio.
Fálase de encabalgamento suave cando o verso encabalgante chega até a quinta sílaba ou o sobrepasa.
Encabalgamento léxico é a fragmentación dunha palabra que se continúa no verso seguinte.
Rima
[editar]Dependendo dos sons que riman, a rima pode ser:
- rima asonante, cando só coinciden as vogais.
- rima consonántica, cando coinciden os son vocálicos e os consonánticos.
- rima libre, cando ningún verso coincide no seu esquema de rima.
Dependendo dos versos que riman entre si, a rima pode ser:
- rima abrazada: abba ou ABBA
- rima cruzada: abab ou ABAB
- rima continua: AAA, bbbb
- rima xemea: AA BB CC DD
- rima encadeada: ABA BCB CDC DED
Fálase de rima interna cando unha palabra interior do verso presenta coincidencia rimática coa final.
Estrofas
[editar]Estrofas isométricas son aquelas cuxos versos miden o mesmo número de sílabas e estrofas heterométricas son aquelas que presentan dous ou máis versos de distinto número de sílabas.
Tipos de estrofas
[editar]Número de versos |
Estrofa | Estrutura da estrofa |
---|---|---|
2 | Pareado | AA / aA / Aa / aa |
3 | Terceto | A-A |
Soledad | a-a rima asonante | |
Tercerilla | a-a rima consonante | |
4 | Cuarteto | ABBA |
Cuarteto de lira | (11-7) aBaB | |
Redondilla | abba | |
Cuarteta | abab | |
Serventesio | ABAB | |
Seguidilla | (7-11) -a-a | |
Caderna vía | 4 alexandrinos monorrimos | |
Estrofa alcaica | 4 versos, 3 decasílabos, pero o terceiro eneasílabo | |
Estrofa sáfica | 3 hendecasílabos sáficos + un pentasílabo adónico | |
5 | Quintilla | aabab (e variantes) |
Quinteto | AABAB (e variantes) | |
Lira | /7-11) aBabB | |
6 | Sexta rima | ABABCC |
Sexteto paralelo | AAB CCB | |
Sexteto romántico | Aab Ccb | |
Sexteto-lira | aBaBcC | |
Sextilla | aab aab | |
7 | Setina | Sete versos de arte menor |
Sétima | Sete versos de arte maior | |
Seguidilla con bordón | o 1º, 3º e 6º heptasílabos, o resto pentasílabos. Asonante | |
8 | Oitava real | (11) ABABABCC |
Oitava italiana | igual ao anterior. O 4º e o 8ª son agudos e ás veces heptasílabos | |
Copla de arte maior | (12) ABBA ACCA | |
Copla de arte menor | (8) abba acca | |
10 | Décima irregular | ABBA ABA BBB |
Décima espinela | abba acc bcc | |
12 | Composta de 2 sextilla de octosílabos | |
? | Copla de pé quebrado | 4, 6, 8, 10 ou 12 versos que combinan sucesivamente dous octosílabos e un tetrasílabo. Rima variábel. |
Estancia | (7-11) |
Tipos de poemas
[editar]- Muiñeira: Serie ilimitada de versos de gaita galega.
- Vilancio: Versos de arte menor. Esta estrofa presenta primeiro un estribillo denominado cabeza, máis un pé de seis ou sete versos composto por unha mudanza, un verso de enlace, e unha volta e unha represa. Os dous últimos versos riman con todo o estribillo ou coa súa parte final.
- Glosa: Texto breve comentado ou desenvolvido noutro máis extenso.
- Soneto: Dous cuartetos e dous tercetos.
- Soneto con estrambote: soneto máis unha ou máis estrofas de tres versos: Un heptasílabo e dous hendecasílabos.
- Sonetillo: Soneto de arte menor.
- Rondel: Serie de estrofas denominada verse, mais outra final a xeito de envoi, organizado de maneira variable, pero sempre repetitiva.
- Cosaute: Serie ilimitada de pareados entre os que se repite un breve estribillo. Imprecisamente tense chamado cantiga paralelística.
- Cantiga de refrán: Serie ilimitada de estrofas breves unidas pola rima dun curto estribillo. Na lírica medieval opúñanse a cantiga de mestría.
- Romance: Serie ilimitada de versos octosílabos con rima asonante nos pares.
- Romancillo: Romance de versos con menos de oito sílabas.
- Romance heroico: Romance de versos de arte maior.
- Silva: Serie ilimitada de hetasílabos e hendecasílabos con rima consonante, na cal ás veces se introducen versos soltos.
O compoñente morfosintáctico
[editar]Ó inicia-la segunda parte do comentario, teremos que analizar en primeiro lugar o estilo. Denominase estilo, á forma particular de escribir de cada autor. Tamén se entende por estilo, cando ó longo del, van aparecendo novas informacións que complementan a información inicial da que se partía. O estilo debe de ser analizado en dúas vertentes:
Estilo Progresivo: Un texto posúe un estilo, cando ó longo del, van aparecendo novas informacións, que complementan a información inicial da que se partía.
Estilo non progresivo: Son aqueles textos nos cales se repite constantemente a mesma idea inda que estea expresada con palabras diferentes.
Amais disto, deberemos distinguir se é un
Estilo nominal: Aquel que presenta unha maior abundancia de substantivos e adxectivos e unha menor abundancia de formas verbais. O estilo nominal favorece a aparición do subxectivo nun texto. Grazas ós adxectivos toma relevancia o descritivo facéndose a composición máis lenta e menos dinámica ca nos textos que posúen estilo verbal.
Estilo verbal: Son aqueles textos en que predominan as formas verbais. O estilo verbal caracterízase por ser obxectivo, e é un estilo áxil, máis dinámico có nominal.
Ó comentar un texto, debemos analizar detidamente a frecuencia ou non con que aparecen as clases de palabras máis importantes (subs., adx., verbos, pron.,) comenzando a análise por:
Substantivos
[editar]Deberemos analiza-los seguintes aspectos:
-A súa escaseza ou abundancia posto que se son escasos poden favorece-la aparición do estilo verbal e se son abundantes confirman o estilo nominal
-Deberemos analizar se son substantivos concretos (tendencia descritiva) ou se abstractos (amor, dor, morte,...) que favorecerán a aparición de sentimentos subxectivos, conectados cos elementos líricos do poeta.
-Convén reagrupa-los substantivos presentes no texto, os chamados campos léxicos (grupos de substantivos que posúen algunha característica común)
-A presenza de sufixos pode traer consigo matices expresivos. Os aumentativos aportan un ton irónico, burlesco. Os despectivos, trazos negativos. Os diminutivos, disposición positiva de tipo afectiva e en moitas ocasións tratan de realza-la función poética do texto.
Adxectivos
[editar]Constitúen un dos elementos clave na análise dun texto. Pódese analizar:
- Escaseza ou abundancia
- Tipoloxía:
- Adxectivos especificativos (aqueles que expresan unha calidade secundaria do substantivo que serve para individualizalo)
- Adxectivos explicativos ou epítetos (aqueles que expresan unha calidade primaria do substantivo con valor primordialmente estético. Entre os epítetos encontramos a seguinte tipoloxía:
- Epíteto laudificador: É aquel epíteto que expresa a calidade máis típica que posúe o substantivo ó que acompaña
- Epíteto laudativo: Acompaña a un substantivo intentando gabalo ou denigralo ó máximo
- Epíteto apositivo: Aparece sempre entre pausas gráficas e funciona case coma un substantivo
- Epíteto frase: Corresponde a oracións subordinadas de relativo que van acompañando a un substantivo. Procuran embelecer
- Epíteto visionario: Aparece este tipo cando a un substantivo o acompaña un adxectivo que non ten ningún tipo de relación co primeiro, é dicir, o adxectivo porta un significado incoherente con respecto ó substantivo. En moitas ocasións, os adxectivos adquiren o seu valor mediante construcións preposicionais, introducidas xeralmente pola preposición de.
Persoais
[editar]Constitúen un elemento clave á hora de realizar un bo comentario, posto que debemos ter en mente se o texto aparece escrito en primeira persoa ou se polo contrario non aparece así. Cando un texto poético aparece escrito en primeira persoa, a expresión de sentimentos íntimos e o ton subxectivo resultan patentes. Se, pola contra, se emprega outra alternativa é probable que a subxectividade descenda e predomine, porén, o narrativo sobre o lírico. Nun texto debemos ter en conta a posibilidade de que aparezan diferentes valores dos pronomes, sendo os máis frecuentes:
- Valor enfático: Aparece cando nunha oración se remarca o pronome a pesar de non ser necesaria a súa presenza posto que xa se sobreentende no contexto verbal ou no da composición.
- Valor pleonástico: Consiste na utilización de dous pronomes coa mesma función sintáctica tratando tamén de reforzar.
Verbos
[editar]Deberemos ter en conta se son escasos ou abundantes posto que a súa escaseza favorece o estilo nominal e un ritmo máis lento, polo contrario a abundancia favorece o estilo verbal e un ritmo máis áxil ou dinámico. Deberemos tamén realizar análises das principais formas verbais, pois poden axudar a configura-la situación temporal do poema fixándonos especialmente se existen.
- Presente de Indicativo: Serve para remarca-la realidade. Á hora de analiza-lo presente, poden aparecer unha serie de valores:
- Presente histórico: Chámaselle presente dramático. Supón o emprego do presente con valor de pasado.
- Presente prospectivo: Expresa unha acción futura. A orientación de futuridade vén indicada por un adverbio ou frase equivalente.
- Presente habitual: Expresa accións habituais.
- Presente intemporal ou permanente: refírese a realidades concibidas fóra do tempo, eternas ou de validez ilimitada.
- Presente con valor imperativo.
- Imperfecto de indicativo: Temporalmente se caracteriza por esvaecer un tempo. O valor máis habitual é o de imperfecto narrativo, que é utilizado polo poeta para contar acontecementos que non interesa que estean moi concretos a nivel temporal; este imperfecto aparece xeralmente como forma dominante nos romances e tamén nos contos infantís.
- O perfecto: Afasta os acontecementos da área afectiva do lector, o que provoca en moitas ocasións reflexión profunda ante o que se le, pero distanciada.
Tamén deberemos ter en conta se predominan os tempos do modo indicativo ou os do subxuntivo. En caso de predomina-los primeiros os feitos expostos estarán totalmente conectados coa realidade e se os segundos estarán conectados coa posibilidade, desexo, probabilidade, e polo tanto, máis afastados da realidade, pois o subxuntivo é o modo do subxectivo.
Nexos
[editar]Analizarémo-la posible presenza de:
- Conxuncións coordinadas: Se abundan esaxeradamente favorecen a presenza dun estilo infantil, ou coloquial, vulgar.
- Conxuncións subordinadas: Cando abundan estamos ante un estilo retórico, culto, rebuscado,...
Valores:
- Valor ilativo (Nexo e): Cando a conxunción aparece ó inicio dun texto ou despois dun punto.
- Valor ponderativo (Nexo e): Cando vai entre signos de admiración: ¡Vaites, e canto te quixen!
- Valor enlazante (Nexo e): Cando o nexo une dúas palabras iguais: Suspendía e suspendía.
- Valor intensificador (nexo disxuntivo): Ou vés ou quedas.
- Valor identificador (nexo disxuntivo): Cando mediante a conxunción ou se identifican dous elementos como idénticos.
Sintaxe do texto
[editar]Orde das palabras. Nun comentario debemos analizar tamén a sintaxe posto que se o texto aparece escrito en oracións simples a súa sintaxe é sinxela e a súa comprensión é máis doada. Pola contra, se no texto predominan as subordinadas, a súa sintaxe escurécese.
Tamén convén atender á orde das palabras, pois o autor pode elixir diferentes tipos de orde:
- Orde lóxica: Respecta a sintaxe normal do galego: Sux + Pred + O.D. + CC.
- Orde Afectiva: É aquel que dispón os elementos segundo o interese con que os enuncie o autor. Salienta algún elemento.
- Orde rítmica: Consiste en dispo-las palabras nos versos buscando repetir esquemas acentuais de versos anteriores.
- Hipérbato: É a alteración por motivos artísticos da orde das palabras.
- Hipérbato suave: Sintaxe non moi trastocada
- Hipérbato violento: Cando a sintaxe é inintelixible.
Plano do contido
[editar]Asunto ou argumento
[editar]Consiste en realizar un pequeno resumo empregando as nosas propias palabras tratando de contar de forma breve o contido do texto.
Tema
[editar]É a idea base que aparece no texto, o tema debe ser expresado nun máximo de 10 palabras. Unha vez sinalado o tema debemos comentar dous aspectos relacionados con este:
- Tratamento que lle dá o autor ó tema: Un tema aparentemente serio como por exemplo a morte pode ser tratado polo autor do texto de xeito cómico; pola contra, un tema aparentemente cómico pode ser tratado con seriedade. No comentario debemos analizar se o tratamento é:
- Lírico-amoroso
- Irónico-burlesco
- Cómico
- Filosófico
- Inclusión do tema na historia da literatura e na obra do autor
Apartados
[editar]Xeralmente, todo texto está estruturado nunha serie de apartados. A nosa misión é descubrilos e para o mesmo teremos en conta as seguintes opcións:
- Analiza-lo contido do texto e descubrir que polo contido existen varias partes.
- Diferencia-los apartados do poema polas estruturas sintácticas semellantes.