[go: nahoru, domu]

Saltar ao contido

Olivina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Olivina
Olivina con cristais verdes de diferentes tonalidades
Fórmula química(Mg,Fe,Mn)2·SiO4
ClaseSilicatos
SubclaseNesosilicatos
Sistema cristalinoRómbico
CorVerde, parda, vermella
BrilloVítreo
Dureza6,5-7
FracturaConcoidea
ExfoliaciónMoi imperfecta
Densidade3,2-4,2 g/cm3

A olivina[1][2] (tamén chamada peridoto) é un mineral da clase dos silicatos cuxa fórmula química é (Mg,Fe,Mn)2·SiO4 (chamada forsterita se é de magnesio, fayalita se é de ferro e tefroíta se é de manganeso).

A olivina ten unha cor verde característica e acostuma estar asociada a rochas volcánicas de cores escuras como a dunita.

Variedades da olivina

[editar | editar a fonte]

Existen 6 clases de olivina segundo a concentración de ferro na súa composición formando unha serie isomorfa que vai dende a forsterita (ausencia de ferro) ata a fayalita (olivina de ferro).

Estas son as seguintes:

  • Forsterita, de magnesio e cunha baixa concentración de ferro (0-10% de ferro, Mg2SiO4).
  • Crisolito, se contén un 10-30% de ferro.
  • Hyalosiderita, se contén un 30-50% de ferro.
  • Hortonolita, se contén un 50-70% de ferro.
  • Ferrohortolita, se contén un 70-90% de ferro.
  • Fayalita, cunha concentración de ferro elevada (90-100% de ferro, Fe2SiO4).
Diferentes variedades da olivina segundo a concentración de magnesio, ferro e manganeso na súa composición

Do mesmo xeito existe outra serie isomorfa da olivina que vai dende a fayalita ata a tefroíta (olivina de manganeso). Na imaxe da esquerda pódese observar as diferentes variedades de olivina segundo a aparición ou ausencia de magnesio, ferro e manganeso na súa composición, dando lugar a unha ampla variedade de olivina de diferentes tonalidades verdosas.

Outras variedades da olivina

[editar | editar a fonte]

Existen tamén outros tipos de olivina moito máis escasos como a knebelita (cun 10% de óxido de zinc na súa composición), a talasskita (cun 10% de óxido de ferro), a titanolivina (onde o titanio substitúe o silicio), a monticelita (olivina de magnesio e calcio) e a kirschteinita (olivina de ferro e calcio).

Lugares onde se atopa

[editar | editar a fonte]

Como mineral de orixe volcánica que é, aparece frecuentemente en zonas de forte actividade basáltica, en gabros e diabases. Se se encontra de forma masiva e en grandes extensións de terreo forma a rocha dunita.

En España podemos atopar olivina nas Canarias, polos arredores das zonas da antiga actividade volcánica característica destas illas, e en Cataluña, formando parte das dunitas.

Atópanse tamén cristais de olivina en meteoritos que proveñen do espazo e en rochas procedentes da Lúa e de Marte.

Usos da olivina

[editar | editar a fonte]

Pódese empregar con fins ornamentais e como fundente na fabricación do aceiro.

Outros silicatos

[editar | editar a fonte]

O cuarzo, o feldespato e a mica son outros silicatos importantes.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para olivina.
  2. "olivina". TERGAL. Consultado o 05/07/2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]