Golpe de estado do 23 de febreiro de 1981
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2016.) |
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
O 23F ou 23-F foi un golpe de estado fracasado que se produciu en España o 23 de febreiro de 1981. Foi levado a cabo por algúns mandos militares, sendo a parte máis afamada o asalto do Congreso dos Deputados por un numeroso grupo de gardas civís baixo mando do tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero, durante a votación do candidato á presidencia do goberno, Leopoldo Calvo-Sotelo Bustelo, da UCD.
Os feitos
Neste golpe posiblemente coincidisen distintas tramas golpistas que operaban desde o comezo da reinstauración borbónica do ano 1975, mediante unha acción coordenada.
Ás seis da tarde empeza a votación nominal para o investimento de Leopoldo Calvo-Sotelo como presidente do goberno. Ás 18:21 horas, cando ía emitir o seu voto o deputado socialista Juan Manuel Núñez Encabo, un grupo de gardas civís, armados con metralletas, irrompe no congreso dos deputados ás ordes do tenente coronel Antonio Tejero. Este, desde a tribuna, berra "¡Quieto todo el mundo!" e ordena que todos se tiren ao chan. O daquela ministro, xeneral do exército, Gutiérrez Mellado érguese e encárase con Tejero tentando ordenar aos gardas que depuxesen as armas. Tras a inocente tentativa de Mellado para reafirmarse na autoridade, Tejero dispara de xeito intimidatorio e os gardas fan o propio cos subfusís. Santiago Carrillo permanece sentado no escano, o Presidente Adolfo Suárez tenta axudar a Gutiérrez Mellado mentres o resto dos deputados obedecen a orde de Tejero de tirarse ó chan.
Pedro Francisco Martín, operador de Televisión Española, gravou case media hora, achegando ao mundo un documento audiovisual de valor incalculable sobre a tentativa do golpe de Estado. Coa toma armada do hemiciclo e o secuestro de poderes executivo e lexislativo, tentábase conseguir un "baleiro de poder", sobre o que se pretendía xerar un novo poder político. Máis tarde, catro dos deputados foron separados do resto: o presidente do Goberno, Adolfo Suárez González, o ministro de Defensa, Agustín Rodríguez Sahagún, o líder da oposición, o socialista Felipe González Márquez, o segundo na lista do PSOE, Alfonso Guerra, e o líder do Partido Comunista de España, Santiago Carrillo.
Pouco tempo despois e seguindo o plan previsto, sublevouse en Valencia o capitán xeneral da III Rexión Militar, Jaime Milans del Bosch, que sacou algunhas compañías de carros de combate á rúa, desde o porto de Valencia ata o centro da cidade, onde apuntaban aos edificios institucionais, como o concello ou as cortes valencianas. Decretou o Estado de excepción e tentou convencer outros militares de secundar a súa acción. Ás nove da noite, un comunicado do Ministerio do Interior informaba da constitución dun goberno provisorio con subsecretarios de diferentes instancias ministeriais, presidido por Francisco Laína, para asegurar a gobernación do estado e en estreito contacto coa Xunta de xefes do Estado Maior. Entre tanto, outro xeneral, Torres Rojas, fracasaba na súa tentativa de suplantar no mando da División Acoirazada Brunete ó xeneral Juste, xefe desta, abortándose a pretensión de ocupar os puntos estratéxicos da capital, entre eles as sedes da radio e televisión, e a difusión dun comunicado relatando o éxito do golpe.
O presidente da Generalitat de Cataluña, Jordi Pujol, pouco antes das dez da noite transmitía para toda España polas emisoras de Radio Nacional e Radio Exterior unha alocución onde chamaba á tranquilidade. Ata a unha da noite xestionouse desde o Hotel Palace, nos arredores do Congreso, lugar elixido como centro de operacións polo xeneral Aramburu Topete, daquela director xeral da Garda Civil e o xeneral Sáenz de Santa María, director xeral da Policía Nacional. Por alí tamén deambulou o xeneral Alfonso Armada, parte do plan golpista, quen pretendía simulando negociar cos asaltantes, proporse a si propio como solución de consenso, emulando o xeneral francés De Gaulle, fracasa cando se nega Tejero a que presidise un goberno do que tamén formarían parte socialistas e mesmo comunistas. Máis tarde, descubertos xa os seus plans, sería relevado do seu posto de 2º xefe do estado maior do exército pola súa implicación na trama golpista.[1]
O rei Xoán Carlos I tivo ata a noite para decidir a súa postura e transmitiu sen dificultades por televisión a súa negativa a apoiar o golpe, isto permitiu abortalo a medida que avanzaba a noite. Xa á unha da madrugada do día 24 de febreiro, o rei interveu en televisión, vestido con uniforme de capitán xeneral dos Exércitos para posicionarse contra os golpistas e desautorizar a Milans del Bosch. A partir dese momento o golpe dáse por fracasado. Na medianoite, Alfonso Armada presentárase no Congreso cun dobre obxectivo: convencer ao tenente coronel Tejero que depuxese a súa actitude e asumir el propio o papel de xefe do goberno baixo as ordes do rei, en actitude anticonstitucional. Pero Armada non era a "autoridade competente" que esperaba Tejero e foi despachado violentamente. Pola súa banda, Milans del Bosch, illado, cancelou os seus plans ás cinco da mañá e foi arrestado, porén Tejero resistiu ata mediodía do 24. Durante a mañá do día 24 os deputados foron liberados.
De xeito alternativo, hai documentación que propón que o golpe foi dado por orde do rei, como testemuña Antonio Tejero.[2]
Notas
- ↑ Alfonso Armada: "Estoy satisfecho de cómo actué el 23-F". Público, no 30 aniversario do golpe.
- ↑ Talegón, Beatriz (2019-02-25). "Antonio Tejero sobre el 23F: "Tomamos el Congreso a las órdenes del Rey"". Diario16 (en castelán). Consultado o 2019-02-27.