Sorgo común
Sorgo común (Sorghum bicolor) | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Sorgo común | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||
Lista
|
O sorgo común (Sorghum vulgare Pers, sin. Sorghum bicolor L. Moench) ou simplemente sorgo é unha especie de planta herbácea pertencente a familia das gramíneas cultivada polo seu gran que se utiliza como alimento para humanos, pensos para animais e produción de etanol. O sorgo é orixinario de África do Norte e agora cultívase extensamente en rexións tropicais e subtropicais.[2] O sorgo é o quinto cereal máis producido no mundo, despois do trigo, arroz, millo e cebada.[3],[4]. O S. común é tipicamente anual, pero algúns cultivares son perennes. Crece en grupos que poden alcanzar máis de 4 m de altura. O gran é pequeno, de 2 a 4 mm de diámetro. Os sorgos doces son cultivares de sorgo común que se cultivan principalmente para forraxe, produción de xarope e etanol; son máis altos que os que se cultivan para gran.
O "sorgo común" é a especie cultivada de sorgo; os seus parentes silvestres constitúen o xénero botánico Sorghum.
Orixe e historia
[editar | editar a fonte]O sorgo problablemente sexa unha das primeiras plantas que se cultivaron polo ser humano, as formas actuais deste pode que sexan orixinarias da Etiopía, desde onde se estendeu por toda África e de aí primeiro por Asia e Europa e máis recentemente por América e Australia.[5]. Está rexistrado por Xenofonte de Atenas no 401 a .C. nas chairas de Cilicia, en Asia Menor, na actual Turquía.[6] Xa se coñecía na época grecorromana.[7]
Cultivo
[editar | editar a fonte]Os principais produtores de S. bicolor en 2011 eran Nixeria (12,6%), a India (11,2%), México (11,2%) e os Estados Unidos (10,0%).[8] Esta especie pode crecer en solos áridos e soportar longas secas.[9] Ten catro características que a converten na planta cultivada máis resistente á seca de todas.
- Ten unha gran relación entre a superficie das raíces e a superficie das follas.
- No momento do secado rólanse as follas para reducir a perda de auga pola transpiración.
- Se o secado continúa entra en repouso en lugar de morrer.
- As súas follas están protexidas por unha cutícula cerosa.
Usos e consumo
[editar | editar a fonte]O sorgo común é un dos principais cereais cultivados do mundo[8] e ten nunha gran variedade de usos en moitos países[10] sendo en moitos países de África e Asia, onde se fan pans planos, un alimento básico.[11][12] No continente americano, así como en Australia e Europa, o sorgo en grans está destinado principalmente á industria dos pensos, pero tamén se pode usar para a produción de etanol. En todo o mundo, están en marcha proxectos para desenvolver tecnoloxías e difundir o cultivo de sorgo con fins enerxéticos. A produción de sorgo azucrado tamén alimenta un número crecente de plantas de etanol no Brasil, Filipinas, a India e os Estados Unidos.[13].
Consumo humano
[editar | editar a fonte]Ao redor da metade da produción mundial destínase ao consumo humano. O consumo de sorgo por habitante é máis estable e máis elevado nas zonas rurais que nos centros urbanos. Ademais, tende a ser maior nas rexións cunha pobreza e inseguridade alimentaria máis pronunciadas. O consumo per cápita é maior en África (por exemplo, ao redor de 90-100 kg por ano en Burkina Faso e o Sudán). En Asia, o sorgo segue sendo un cultivo importante para a seguridade alimentaria nalgunhas rexións, onde o consumo anual é aínda superior a 70 kg[14].
O sorgo pódese comer en gran, o igual que o arroz, ou reducirse a fariña.[15]. Do mesmo xeito que noutros cereais, o gran de sorgo está composto esencialmente de amidón (ao redor do 70%). O contido de proteínas (10,4% da parte comestible) é comparable ao do millo (9,2%) e o trigo (10,6%). O contido de graxa bruta do sorgo é do 3%, superior ao do trigo, pero inferior ao do millo; 100 gramos de sorgo achegan 329 quilocalorías, fronte a 358 quilocalorías do millo e 348 quilocalorías do trigo. O sorgo é rico en vitaminas do grupo B. Certos cultivares co endosperma amarelo conteñen beta-caroteno que pode ser transformado en vitamina A polo corpo humano. Tamén é rico en antioxidantes, que se cre que axudan a reducir os riscos de cancro, diabetes e enfermidades cardíacas. Ademais, o sorgo non contén elementos biotecnolóxicos que o convertan nun organismo transxénico ou modificado xeneticamente.[13] Algúns sorgos teñen grans de cor escura. Esta coloración está asociada á forte presenza de taninos nas capas máis superficiais do gran que inhiben a dixestión das proteínas do gran. Estas capas elimínanse por descascarización, unha operación que pode reducir o rendemento ata 65 - 75%. Os grans de sorgo inmaturos pódense comer asados enteiros, os maduros pódense torrar como os de millo en "flocos". En xeral, o sorgo consúmese en forma de grans enteiros descascados ou en fariña. A fariña obtense a partir de grans descascados e úsase pura ou mesturada con fariña doutros cereais. Pódense distinguir os seguintes grupos de alimentos tradicionais a base de sorgo[16][17][18][19]:
Baixo o nome de " jowar" na India, a fariña de sorgo é preferida para a elaboración do pan " bhakri", un alimento básico en moitas rexións. Nos países occidentais utilízase na composición de galletas para aperitivos. En Tunes adóitanse facer pasteis de sorgo (droo) e a fariña de sorgo mesturada con auga, especias e azucre pode converterse nunha especie de sopa robusta para o almorzo. O sorgo tamén é a base de bebidas populares, especialmente durante o ramadán. Os talos do sorgo común pódense mastigar como a cana de azucre.[20].
Bebida alcohólica
[editar | editar a fonte]Na China, o sorgo é coñecido como gaoliang (高粱) e é fermentado e destilado para producir un tipo de bebida espirituosa coñecida como baijiu (白酒) da que a bebida máis famosa é a maotai (o Moutai). En Taiwán, na illa chamada Kinmen, elabórase licor de sorgo. En varios países de África, tales como Cimbabue , Burundi, Malí, Burkina Faso, Ghana, e Nixeria, utilízase o sorgo das variedades vermella e branca para facer a tradicional cervexa opaca. O sorgo vermello dálle unha cor rosa amarronado á cervexa.[21]
Biocombustible
[editar | editar a fonte]O sorgo común é un obxectivo prometedor para a produción de biocombustibles. Trátase dun cultivo C4 que necesita poucas entradas e acumula unha gran cantidade de carbohidratos no talo. Con todo, a súa plantación a grande escala en terras marxinais requiriría variedades melloradas con optimización dos caracteres relacionados co seu papel como biocombustible e unha maior tolerancia aos factores de tensións bióticos e abióticos. Por este motivo, leváronse a cabo moitos estudos para crear recursos xenéticos e xenómicos en relación co sorgo común.[22]
As variedades cultivadas de sorgo común teñen fenotipos e morfoloxías diversas. As variantes empregadas para producir biocombustibles teñen unha elevada proporción de biomasa biocelulosica.[22] Algúns xenotipos, coñecidos como "sorgo doce", acumulan hidratos de carbono solubles no talo.[23] O sorgo doce pode alcanzar unha altura de case 20 metros e xera unha cantidade de biomasa significativamente maior que o sorgo para uso alimentario. O talo do sorgo doce é máis groso e carnoso que o do sorgo para uso alimentario, aínda que produce relativamente poucas sementes..[24]
A concentración de carbohidratos no talo do sorgo doce mídese en unidades Brix, que corresponden á porcentaxe de carbohidratos solubles. Un grao Brix equivale a 1 g de azucre por cada 100 g de zume. O contido Brix difire entre variedades e tamén depende das condicións ambientais, a posición dos talos, o período do ano e a fase de colleita.[25] O sorgo común pode acumular unha cantidade de zume equivalente ao 78% da súa biomasa total, mentres que o seu contido en Brix vai do 14% ao 23%.[26] Os glícidos que conteñen os talos de sorgo común compóñense principalmente de sacarosa ( 75%) con cantidades pequenas ( 2,6%) de frutosa e glicosa.[27] En comparación con cultivos de biomasa lignocelulósica, tales como Panicum virgatum e Miscanthus, os glícidos solubles en forma de glicosa, frutosa e sacarosa do sorgo común son fáciles de fermentar. Outros trazos agronómicos, como un ciclo de vida de só catro meses, a súa capacidade de crecer en condicións ambientais adversas, a pouca necesidade de entradas, o baixo custo do seu cultivo e a fotosíntese C4 fan un cultivo de produción de biocombustibles particularmente útil. Este último trazo é especialmente importante porque contribúe a mellorar a eficiencia de uso do nitróxeno e a auga, así como a resistencia xeral do sorgo común, o que lle permite subsistir en rexións áridas, con máis insolación e temperaturas máis altas.
Diferentes cultivares de sorgo común presentan efectos diferentes da salinidade sobre a xerminación das semente e o crecemento das plántulas. Un estudo publicado en 2016 suxeriu que o sorgo común pódese regar con auga salgada de ata 150 mM de NaCl, xa sexa en estado vexetativo ou en estado reprodutivo.[28]
Usos na gandería
[editar | editar a fonte]O sorgo utilízase na alimentación e o pastoreo do gando. Aínda que, con todo, o seu uso é limitado porque o amidón e as proteínas do sorgo son máis difícil de dixerir para os animais que o amidón e as proteínas do millo. Están a realizarse investigacións para atopar un proceso para preparar o gran. Un estudo en gando concluíu que o sorgo en flocos era preferible ao sorgo seco, xa que melloraba a ganancia diaria de peso nos animais..[8] Nos porcos, demostrouse que o sorgo é un alimento máis eficiente que o millo ao ser ambos os grans procesados da mesma maneira.[8]
A introdución de variedades melloradas, xunto cunha mellora nas prácticas de xestión, fixo mellorar a produtividade do sorgo. Na India, crese que a mellora na produtividade liberou seis millóns de hectáreas de terra. O International Crops Research Institute for the Semi-Arid Tropics, en colaboración con outras institucións, produce variedades melloradas de cultivos, entre as que se inclúen o sorgo. A insitución liberou ata 194 cultivos de sorgo.[29]
Outros usos
[editar | editar a fonte]O gran proporciona amidón, que tamén serve para preparar colas, adhesivos e glicosa, aceite e materia prima para a preparación de pensos. O azucre e a melaza obtéñense da medula dos sorgos azucrados. As fibras do talo tamén se utilizan para fabricar paneis utilizados na construción. As glumas, a vaina foliar e outras partes da planta de certos cultivares conteñen pigmentos que se utilizan como colorantes nas industrias alimentaria e téxtil. As umbelas en forma de paraugas, desprovistas do gran, utilízanse para a produción artesanal das tradicionais vasoiras de sorgo, a máis común antes do uso de materiais plásticos.[30]
O xarope de sorgo doce úsase nalgunhas partes dos Estados Unidos.
Investigación
[editar | editar a fonte]Estase a investigarse para desenvolver un cruzamento xenético que faga a planta máis tolerante a temperaturas máis frías ou para desactivar os mecanismos de tolerancia da planta as secas, xa que é nativa de climas tropicais.[31][32] Nos Estados Unidos, isto é importante porque o custo do millo estivo a crecer de forma continuada dado o seu uso na produción de etanol para ser engadido á gasolina. Pódese utilizar o sorgo ensilado como substituto do millo ensilado na dieta das vacas leiteiras.[33] Outras investigacións concluíron que o sorgo ten máis valor nutricional que o millo na alimentación das vacas, e que o tipo de procesado é tamén esencial na obtención da máxima nutrición do gran. O sorgo en flocos mostrou un incremento na produción de leite en comparación ao sorgo seco.[33]
Adicionalmente, está a investigarse sobre o sorgo como unha fonte de alimento potencial para dar resposta o incremento na demanda de comida a escala global. O sorgo é resistente á seca e ás altas temperaturas. A diversidade xenética entre as diferentes subespecies de sorgo, faio máis resistente ás pragas e os patóxenos, comparado con outras fontes alimenticias menos diversas. Ademais, é altamente eficiente na conversión da enerxía solar a enerxía química, así como no uso de auga.[34] Todas estas características fana unha candidata prometedora para facer fronte á demanda global de comida, en aumento. Como tal, moitos grupos de investigación en todo o mundo están a seguir proxectos e iniciativas sobre o sorgo (especialmente o Sorghum bicolor ), como a Universidade Purdue,[35] o HudsonAlpha Institute for Biotechnology,[34] o Danforth Plant Science Center,[34] a Universidade de Nebraska,[36] e a Universidade de Queensland.[37]
Outra aplicación do sorgo que se está investigando é o biocombustible. O sorgo doce ten moito azucre no tallo, que se pode converter en etanol. A biomasa pódese queimar e converter en carbón, gas sintético e bio-cru.
Produción
[editar | editar a fonte]Principais produtores de sorgo no 2018[38] | |
---|---|
País | Produción (toneladas) |
Estados Unidos | 9.271.070 |
Nixeria | 6.862.343 |
Sudán | 4.953.000 |
Etiopía | 4.932.408 |
India | 4.800.000 |
México | 4.531.097 |
Brasil | 2.272.939 |
China | 2.192.032 |
Níxer | 2.100.190 |
Burkina Faso | 1.929.834 |
Arxentina | 1.563.445 |
Malí | 1.469.688 |
Camerún | 1.416.116 |
Australia | 1.257.219 |
Bolivia | 1.023.314 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Sorghum bicolor (L.) Moench — The Plant List". www.theplantlist.org. Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2023. Consultado o 13 de setembro de 2020.
- ↑ Dillon, Sally L.; Shapter, Frances M.; Henry, Robert J.; et al. (1 de setembro de 2007). "Domestication to Crop Improvement: Genetic Resources for Sorghum and Saccharum (Andropogoneae)". Annals of Botany 100 (5): 975–989. PMC 2759214. PMID 17766842. doi:10.1093/aob/mcm192.
- ↑ "Focus: Le sorgho à sucre en Chine.". Magazine FAO. (en francés). 2002. Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2012. Consultado o 13 de setembro do 2020.
- ↑ Marie-Christine Deprund (3 de maio de 2018). "Le sorgho, la céréale sans gluten". leparticulier.lefigaro.fr (en francés). Consultado o 13 de setembro do 2020.
- ↑ Sorgo Sorghum vulgare Pers. - Cereali - Coltivazioni erbacee
- ↑ Xénophon (1992). "Anab., I, 2, 22". En Les Belles Lettres. Anabase (en francés).
- ↑ Sorgo na Enciclopedia Treccani (en italiano)
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 Jeri Stroade; Michael Boland; Mykel Taylor. "AGMRC Sorghum profile" (en inglés). Consultado o 3 de febreiro do 2021.
- ↑ FAO. Sorghum bicolor (L.) Moench Arquivado 19 de novembro de 2017 en Wayback Machine.
- ↑ Productividad. El sorgo, es seguro (en castelán)
- ↑ O P Sharma (1993). Plant Taxonomy. Tata McGraw-Hill. p. 439. ISBN 0074603736.
- ↑ National Research Council (14 de febreiro de 1996). "Sorghum". Lost Crops of Africa: Volume I: Grains. Lost Crops of Africa 1. National Academies Press. ISBN 978-0-309-04990-0. Consultado o 3 de febreiro do 2021.
- ↑ 13,0 13,1 "Healthy for Consumers". Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2012. Consultado o 20 de decembro de 2012..
- ↑ The World Sorghum and Millet Economies: Facts, Trends and Outlook', A joint study by the Basic Foodstuffs Service FAO Commodities and Trade Division and the Socioeconomics and Policy Division International Crops Research Institute for the Semi-Arid Tropic
- ↑ harina.info (ed.). "Harina de sorgo" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2020. Consultado o 21 de setembro do 2020.
- ↑ Sorghum and millets in human nutrition - Food and Agriculture Organization of the United Nations, Rome 1995. Sorghum and millets in human nutrition Arquivado 01 de outubro de 2018 en Wayback Machine.
- ↑ Synthèse de l'expérience africaine en amélioration des techniques après-récolte, Basée sur les journées techniques 4-8 juillet 1994 Accra, Ghana - Food and Agriculture Organization of the United Nations, Rome. Synthese de l'experience africaine en amelioration des techniques apres-recolte - Table des matières
- ↑ The World Sorghum and Millet Economies: Facts, Trends and Outlook
- ↑ J. R. N. Taylor, Importance of sorghum in Africa, Pretoria, South Africa. http://www.afripro.org.uk/papers/Paper01Taylor.pdf
- ↑ TV Balole & GM Legwaila, Sorghum bicolor (L.) Moench Arquivado 21 de outubro de 2009 en Wayback Machine. 2006, In: Brink, M. & Belay, G. (Éditeurs). PROTA 1: Cereals and pulses/Céréales et légumes secs. [CD-Rom]. PROTA, Wageningen, Pays-Bas.
- ↑ Kuldeep Malam (setembro de 2020). Junagadh Agricultural University, ed. "Sweet Sorghum: A Smart, Multipurpose Crop". Consultado o 3 de febreiro do 2021.
- ↑ 22,0 22,1 Mathur, S.; Umakanth, A. V.; Tonapi, V. A.; Sharma, R.; Sharma, M. K. (2017). "Sweet sorghum as biofuel feedstock: recent advances and available resources". Biotechnology for Biofuels (en inglés) 10 (146). doi:10.1186/s13068-017-0834-9. Consultado o 3 de febreiro do 2021.
- ↑ Cosedido, V.; Vacas, R.; Macarulla, B.; Gracia, M. P.; Igartua, E. (2013). "Agronomic and digital phenotyping evaluation of sweet sorghum public varieties and F1 hybrids with potential for ethanol production in Spain". Maydica (en inglés) 58 (1). Consultado o 3 de febreiro do 2021.
- ↑ Whitfield, M. B.; Chinn, M. S.; Veal, M. W. (2012). "Processing of materials derived from sweet sorghum for biobased products". Industrial Crops and Products (en inglés) 37 (1): 362–375. ISSN 0926-6690. doi:10.1016/j.indcrop.2011.12.011.
- ↑ Qazi, H. A.; Paranjpe, S.; Bhargava, S. (2012). "Stem sugar accumulation in sweet sorghum – Activity and expression of sucrose metabolizing enzymes and sucrose transporters". Journal of Plant Physiology (en anglès) 169 (6): 605–613. ISSN 0176-1617. doi:10.1016/j.jplph.2012.01.005.
- ↑ Vinutha, K. S.; Rayaprolu, Laavanya; Yadagiri, K.; Umakanth, A. V.; Patil, J. V.; Srinivasa Rao, P. (2014). "Sweet Sorghum Research and Development in India: Status and Prospects". Sugar Tech (en anglès) 16 (2): 133–143. ISSN 0972-1525. doi:10.1007/s12355-014-0302-9.
- ↑ Kawahigashi, Hiroyuki; Kasuga, Shigemitsu; Okuizumi, Hisahito; Hiradate, Syuntaro; Yonemaru, Jun-ichi (2013). "Evaluation of Brix and sugar content in stem juice from sorghum varieties". Grassland Science (en anglès) 59 (1): 11–19. ISSN 1744-6961. doi:10.1111/grs.12006.
- ↑ Sayyad-Amin, Parvaneh; Jahansooz, Mohammad-Reza; Borzouei, Azam; Ajili, Fatemeh (2016). "Changes in photosynthetic pigments and chlorophyll-a fluorescence attributes of sweet-forage and grain sorghum cultivars under salt stress". Journal of Biological Physics (en inglés) 42 (4): 601–620. ISSN 0092-0606. doi:10.1007/s10867-016-9428-1. Consultado o 4 de febreiro do 2021.
- ↑ Sorghum, a crop of substance Arquivado 20 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine.. Downloaded 16 March 2014.
- ↑ Ogden Publications, Inc (ed.). "How to make a broom" (en inglés). Consultado o 16 març 2010.
- ↑ "Sorghum Research Showing Promise". Oklahoma Farm Report. 23 defebreiro de 2011.
- ↑ Ogbaga, Chukwuma C.; Stepien, Piotr; Johnson, Giles N. (outubro de 2014). "Sorghum (Sorghum bicolor) varieties adopt strongly contrasting strategies in response to drought". Physiologia Plantarum 152 (2): 389–401. PMID 24666264. doi:10.1111/ppl.12196.
- ↑ 33,0 33,1 Micheal J. Brouk; Brent Bean (2010). Sorghum in Dairy Cattle Production Feeding Guide (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de agosto de 2021. Consultado o 04 de febreiro de 2021.
- ↑ 34,0 34,1 34,2 "HudsonAlpha and collaborators expand sorghum research program - HudsonAlpha Institute for Biotechnology". HudsonAlpha Institute for Biotechnology (en inglés). 2017-01-25. Consultado o 2017-03-02.
- ↑ Communications, Purdue Agricultural. "Purdue leading research using advanced technologies to better grow sorghum as biofuel - Purdue University". www.purdue.edu (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2017. Consultado o 2017-03-02.
- ↑ Network. "Sweet Sorghum Research | Department of Agronomy and Horticulture | University of Nebraska–Lincoln". agronomy.unl.edu (en inglés). University of Nebraska-Lincoln | Web Developer. Consultado o 2017-03-02.
- ↑ "Our sorghum pre-breeding program | OZ Sorghum". OZ Sorghum (en inglés). Consultado o 2018-08-10.
- ↑ Food and Agriculture Organization of The United Nations. "FAOSTAT" (en inglés). Consultado o 7 agosto 2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sorgo común |