Tlatoani
Tlatoani ou Tlahtoāni[1] (náhuatl clásico: tlahtoāni; "gobernante, soberano"), plural tlahtohqueh,[2] é un título empregado historicamente polos soberanos dinásticos dos āltepēmeh[3] ou cidades-estado náhuatl do val de México, nos tempos anteriores á conquista. O título de huēyi tlahtoāni ou "gran soberano" foi empregado polos señores da Tripla Alianza Azteca.[4]
Cada altepetl tiña o seu propio tlatoani, que exercía a un tempo as funcións de gobernante, sumo sacerdote e xefe militar. O tlatoani tiña autoridade sobre a terra dos seus dominios, recadaba tributos, controlaba o mercado, xestionaba a actividade dos templos e resolvía disputas legais. Ao ser un título hereditario, adoitaban exercer o seu cargo de por vida. Porén, nalgúns āltepēmeh existía un consello de anciáns nobres que elixían ao tlatoani dunha lista de candidatos.[5]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo tlahtoāni é un nome derivado do verbo tlahtoa, que significa "falar"; xa que logo, tlahtoāni quere dicir "aquel que fala" ou "o que fala". Nas linguas europeas, tense traducido como "rei", "soberano" ou "gobernante".[6] O seu plural é tlahtohqueh, e aparece como raíz en palabras como tlahtohcāyōtl (reino, territorio), tlahtohcātlālli (terreos reais) ou tlahtohcācalli (palacio real).[7]
Outros títulos nobiliarios relacionados son tlahtohcāpilli, dado aos príncipes e nobres máis senlleiros, e cihuātlahtoāni, empregado para referirse a princesas ou consortes.[8][9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A versión tlatoani é a máis común no uso actual, xa que aparece na meirande parte das fontes históricas en castelán e náhuatl do período colonial.
- ↑ É común a ortografía tradicional tlatoque, que omite a transcrición do saltillo ou parada glotal, representada pola letra h na literatura académica.
- ↑ Forma plural do termo altepetl.
- ↑ "De TLAHTLI à TLAHTOCATILIZTLI - Dictionnaire de la langue nahuatl classique". web.archive.org (en francés). Archived from the original on 14-06-2007. Consultado o 28-03-2024.
- ↑ "Pre-Columbian civilizations - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2024-03-28.
- ↑ Lockhart (2001): 238.
- ↑ "tlatoani - Nahuatl Dictionary". nahuatl.wired-humanities.org (en inglés). Consultado o 2024-03-28.
- ↑ "tlatocapilli - Nahuatl Dictionary". nahuatl.wired-humanities.org (en inglés). Consultado o 2024-03-28.
- ↑ "cihuatlatoani - Nahuatl Dictionary". nahuatl.wired-humanities.org (en inglés). Consultado o 2024-03-28.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lockhart, J. (2001). Nahuatl as Written: Lessons in Older Written Nahuatl, with Copious Examples and Texts. Stanford: Stanford University Press and UCLA Latin American Studies. ISBN 9780804744584