[go: nahoru, domu]

Saltar ao contido

Curculionoideos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os curculiónidos (Curculionoidea) son unha superfamilia de escaravellos á que pertencen os gurgullos, coñecidos polos seus morros alongados. Son xeralmente pequenos, de menos de 6 mm de lonxitude e herbívoros. Coñécense aproximadamente 97 000 especies destes animais. Pertencen a varias familias, a máis numerosa das cales é Curculionidae (os verdadeiros gurgullos). Tamén inclúe aos Scolytinae, que son morfoloxicamente distintos doutros gurgullos porque carecen do seu distintivo morro longo e son unha subfamilia dentro de Curculionidae.

Moitos gurgullos son considerados pragas debido á súa capacidade de danar ou matar as colleitas. Sitophilus granarius dana os grans de trigo almacenados, como tamén o fai Sitophilus zeamais entre outros. Anthonomus grandis ataca as colleitas de algodón; pon os seus ovos dentro das bólas de algodón das que despois sae abríndose paso coméndoas. Outros gurgullos utilízanse para o control biolóxico de plantas invasoras.

O rostro (morro alongado) dun gorgullo, contén as pezas bucais mastigadoras en lugar de pezas perforadoras como os das probóscides doutros insectos. As pezas bucais adoitan utilizalas para escavar túneles nos grans.[1] En gurgullos máis especializados, o rostro ten unha fenda na que o animal pode pregar o primeiro segmento das súas antenas.

A maioría dos gurgullos teñen a habilidade de voar (incluíndo especies que son pragas como o gurgulo do arroz Sitophilus oryzae[2][3]), aínda que un número significativo deles non son voadores, como os do xénero Otiorhynchus.

Unha especie de gurgullo, Austroplatypus incompertus, presenta eusocialidade, e é un dos poucos insectos que non é himenóptero nin isóptero nos que isto se observa.

Taxonomía e filoxenia

[editar | editar a fonte]

Como existen tantas especies e tan diversas, a clasificación nos taxons superiores dos gurgullos é moi cambiante. Xeralmente divídense en dúas grandes divisións, os Orthoceri ou gurgullos primitivos, e os Gonatoceri ou gurgullos verdadeiros (Curculionidae). E. C. Zimmerman propuxo unha terceira división, os Heteromorphi, para varias formas intermedias.[4] Os gurgullos primitivos distínguense por ter antenas rectas, mentres que os gurgullos verdadeiros teñen antenas acobadadas (xeniculadas). O "cóbado" ou ángulo da antena está no extremo do escapo (primeiro segmento antenal) nos da familia dos curculiónidos, e o escapo adoita ser moito máis longo que os outros segmentos antenais. Hai algunhas excepcións, como nos Nanophyini, gurgullos primitivos con longos escapos e antenas xeniculadas, mentres que nos gurgullos vedadeiros, Gonipterinae e Ramphus os escapos son curtos e pequenos ou non teñen "cóbado".

Un sistema de clasificación de 1995 a nivel de familias é o proposto por Kuschel,[5] con actualizacións feitas por Marvaldi et al. en 2002,[6] que se realizou utilizando análises filoxenéticas. As familias aceptadas eran nos gurgulos primitivos as Anthribidae, Attelabidae, Belidae, Brentidae, Caridae e Nemonychidae, e nos gurgullos verdadeiros a Curculionidae. A maioría das outras familias que foran propostas foron rebaixadas ao nivel de subfamilias ou tribos. Posteriores traballos tiveron como resultado a elevación de Cimberididae a familia desde o seu anterior status de subfamilia dos Nemonychidae en 2017 e o recoñecemento da familia de idade cretácea Mesophyletidae en 2018 atopada en ámbar birmano.[7] Os gurgullos máis antigos coñecidos datan do límite Xurásico Medio-Xurásico tardío, atopados na formación Karabastau de Casaquistán, a localidade Shar-Teg de Mongolia, a localidade Daohugou da rexión chinesa de Mongolia Interior, e o xacemento fósil de Talbragar en Australia.[8] A familia extinguida Obrieniidae, cunha especie que data do Ladiniano do Triásico ata talvez o Oxfordiano, foi ás veces considerada como de gurgullos. Os xéneros da familia atopáronse soamente en formacións de Casaquistán, e a maioría foron nomeados en 1993.[9] Porén, as súas posicións filoxenéticas son discutidas, e algúns autores consideran que forman parte dos Archostemata.[10]

Velaquí unha filoxenia da superfamilia Curculionoidea baseada en comparacións do ADN ribosómico de 18S e datos morfolóxicos realizada por Marvaldi et al en 2002:[6]

Nemonychidae

Anthribidae

Belidae

Attelabidae

Caridae

Brentidae

Curculionidae

Dimorfismo sexual

[editar | editar a fonte]

Rhopalapion longirostre mostra un caso extremo de dimorfismo sexual. O rostro da femia é dúas veces máis longo e a súa superficie máis lisa que a do macho. A femia perfora canles para poñer os ovos en gromos de Alcea rosea. Deste xeito, o dimorfismo non se atribúe a selección sexual. É unha resposta ás demandas ecolóxicas da posta de ovos.[11]

Outro exemplo de acusado dimorfismo é o da especie de Nova Zelandia Lasiorhynchus barbicornis, na que os machos miden ata 90 mm e as femias só 50 mm, aínda que hai un rango extremo de tamaños corporais en ambos os sexos.

  1. Moon, Myung-Jin (2015). "Microstructure of mandibulate mouthparts in the greater rice weevil, Sitophilus zeamais (Coleoptera: Curculionidae)". Entomological Research (en inglés) 45 (1): 9–15. ISSN 1748-5967. doi:10.1111/1748-5967.12086. 
  2. "What Is a Weevil and How Did That Bug Get in My Food?". 
  3. "Weevils on Stored Grain (Department of Entomology)". Department of Entomology (Penn State University). 
  4. E. C. Zimmerman (1994). Australian weevils (Coleoptera: Curculionidae). Volume 1. Orthoceri: Anthribidae to Attelabidae: the primitive weevils. East Melbourne: CSIRO. pp. 741 pp. 
  5. G. Kuschel (1995). "A phylogenetic classification of Curculionoidea to families and subfamilies". Memoirs of the Entomological Society of Washington 14: 5–33. 
  6. 6,0 6,1 A. E. Marvaldi, A. S. Sequeira, C. W. O'Brien & B. D. Farrell (2002). "Molecular and morphological phylogenetics of weevils (Coleoptera, Curculionidae): do niche shifts accompany diversification?". Systematic Biology 51 (5): 761–785. PMID 12396590. doi:10.1080/10635150290102465. 
  7. Dave J. Clarke; Ajay Limaye; Duane D. McKenna; Rolf G. Oberprieler (2018). "The weevil fauna preserved in Burmese amber—snapshot of a unique, extinct lineage (Coleoptera: Curculionoidea)". Diversity 11 (1): Article 1. doi:10.3390/d11010001. 
  8. Legalov, A. A. (April 2022). "Review of the Jurassic Weevils of the Genus Belonotaris Arnoldi (Coleoptera: Nemonychidae) with a Straight Rostrum". Paleontological Journal 56 (2): 199–207. ISSN 0031-0301. doi:10.1134/s0031030122020071. 
  9. Legalov, A. A. (2010). "Checklist of Mesozoic Curculionoidea (Coleoptera) with description of new taxa". Baltic Journal of Coleopterology 10 (1): 71–101. 
  10. Legalov, A. (2020). "Fossil History of Curculionoidea (Coleoptera) from the Paleogene". Geosciences (en inglés) 10 (9): 358. Bibcode:2020Geosc..10..358L. doi:10.3390/geosciences10090358. 
  11. G. Wilhelm; et al. (2011). "Sexual dimorphism in head structures of the weevil Rhopalapion longirostre: a response to ecological demands of egg deposition". Biological Journal of the Linnean Society 104: 642–660. doi:10.1111/j.1095-8312.2011.01751.x. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]