D.O.A.
D.O.A. | |
---|---|
Orixe | Vancouver, Canadá |
Período | 1978 - presente |
Xénero(s) | punk rock, hardcore punk |
Selo(s) discográfico(s) | Sudden Death |
Membros | Joey Shithead Dan Yaremko Jesse Pinner |
Antigos membros | Chuck Biscuits Randy Rampage Dave Gregg Simon "Stubby Pecker" Wilde Zippy Pinhead Wimpy Roy Greg James Dimwit Kerr Belliveau Chris Prohom Jon Card Ken Jensen Ford Pier John Wright Brien O'Brien The Great Baldini Kuba Ohms James Hayden Floor Tom Jones |
Na rede | |
http://www.suddendeath.com/bands/d-o-a | |
D.O.A. é unha banda de hardcore punk canadense procedente de Vancouver formada en 1978. Está considerada como unha das "fundadoras" do hardcore punk, xunto con Black Flag, Bad Brains, Teen Idles e Minor Threat. O seu segundo álbum Hardcore '81 foi considerado por moitos a primeira referencia real da segunda corrente americana do punk, coñecida como hardcore. O cantante e guitarrista Joey "Shithead" Keithley é o único membro fundador que permaneceu na banda durante toda a súa carreira. Porén, o baixista orixinal Randy Rampage estivo coa banda na súa etapa máis recente e tocou en dous dos tres últimos álbums, a pesar de que non pertence á formación actual. D.O.A. adoita editar a súa música a través do selo de Jello Biafra Alternative Tentacles Records, e lanzaron un álbum con Biafra chamado Last Scream of the Missing Neighbors.
D.O.A. sempre mantivo unha postura anarquista e é coñecida polas súas abertas opinións políticas e por ter actuado para multitude de causas benéficas, sobre todo en temas relacionados co racismo, a globalización, a liberdade de expresión e o medio ambiente.
O seu fundador Joe Keithley, na actualidade dedica gran parte do seu tempo a traballar co seu selo Sudden Death Records, que abrangue varios aspectos relacionados coa música.
Historia
[editar | editar a fonte]O grupo foi precedido por The Skulls, unha das primeiras bandas de punk rock da zona de Vancouver, na que estaban Joey “Shithead” Keithley, Brian “Wimpy Roy” Goble e Ken "Dimwit" Montgomery, que posteriormente tocarían en D.O.A.
Cando The Skulls se separou, Joey Shithead (guitarra/voces) formou D.O.A. con Chuck Biscuits, irmán de Dimwit, na batería e Randy Rampage no baixo e nas voces. A banda sacou un feixe de sinxelos e EPs a través do selo de Shithead, Sudden Death, e tocou por Norteamérica, moitas veces con violentos choques entre o público e a policía. O seu primeiro son era moi básico, un punk rock melódico cru, con moitas semellanzas a bandas como os Sex Pistols e os primeiros discos de The Clash e Ramones.
En 1980 entrou Dave Gregg como segundo guitarrista e editaron o seu álbum de estrea, Something Better Change, a través do selo Friends Records. Este foi seguido ao pouco tempo por Hardcore '81, que adoita a ser considerado o que bautizou ao movemento hardcore punk. A súa música volvérase máis rápida, potente e dinámica, establecendo a base para o novo son hardcore.
Randy Rampage deixou a banda o 1 de xaneiro de 1982, sendo substituído polo ex-batería de The Skulls Dimwit no baixo. Despois dunha pequena xira por California, Chuck Biscuits abandonou o grupo e uniuse a Black Flag. Dimwit cambiouse para a batería e o vocalista de Subhumans Wimpy Roy foi contratado como novo baixista e segundo vocalista, quedando Keithley como único membro fundador. Esta formación tocaría entre 1982 e 1983 e posteriormente entre 1985 e 1986, e produciu varias edicións destacables, como o EP War on 45 (que se expandiu para completar un álbum). En War on 45 a banda integrou sons do funk e do reggae, ademais de deixar a súa postura anti-bélica e anti-imperialista máis clara. Let's Wreck The Party (1985) e True (North) Strong And Free (1987) amosan un lado da banda máis mainstream, cunha produción máis orientada cara ao hard rock, pero sen abandonar o enfoque político das súas letras. Mentres tanto, os cambios na formación da banda continuaron despois de Let's Wreck the Party, marchando Dimwit e sendo substituído por Kerr Belliveau. Belliveau estivo só tres semanas co grupo pero gravou o 7" Expo Hurts Everyone, ademais de dúas cancións para True (North) Strong and Free, antes de ser substituído por Jon Card, da banda Personality Crisis. Dave Gregg deixouno en 1988, despois de que D.O.A. despedise ao seu produtor Ken Lester, co cal tiña unha estreita relación. A banda contratou a Chris Prohom de Dayglo Abortions para substituílo.
Murder, editado en 1990 ten unha produción máis crúa, aproximándose ao thrash metal. O mesmo ano colaboraron co cantante de Dead Kennedys Jello Biafra para editar Last Scream of the Missing Neighbors. No mes de agosto Joey decidiu desfacer D.O.A. pero, por suxestión do promotor Dirk Dirksen, realizarían unha xira de despedida pola costa oeste norteamericana, tocando o seu "derradeiro" concerto o 1 de decembro de 1990 no Commodore de Vancouver. En 1991 editouse un álbum ao vivo titulado Talk Minus Action = 0 mentres Joey intentaba converterse en actor.
Porén, 19 meses despois, Joey Shithead e Wimpy Roy reuniron a banda. John Wright, de NoMeansNo, suxeriulles contratar a Ken Jensen de Red Tide como novo batería, cousa que fixeron. A nova formación lanzou un EP e dous álbums a principios dos 90, 13 Flavours Of Doom e Loggerheads. Nestes traballos a banda abandona o son máis hard rock dos 80 para regresar ao punk rock das súas orixes, aínda que dende un enfoque máis pesado. Estes álbums foron producidos por Wright, que tamén tocou os teclados nas gravacións. A banda entón contratou a Ford Pier como guitarrista e vocalista.
No ano 1995 o batería Ken Jensen morreu nun incendio. O EP Ken Jensen Memorial Single foi publicado a través de Alternative Tentacles, e nel aparecían dous temas de D.O.A. e de Red Tide. Con John Wright enchendo o oco da batería, gravouse The Black Spot, o noveno álbum do grupo, soando a un punk rock máis básico.
A finais dos 90 houbo máis cambios na formación, Wimpy Roy deixou o grupo despois de década e media e Keithley experimentou con distintos baixistas e baterías, coa intención de publicar outro álbum de hardcore punk básico, Festival Of Atheists. A comezos da nova década a banda atopou un batería permanente na figura de The Great Baldini. No ano 2002 Keithley lanzou o seu primeiro álbum en solitario, Beat Trash, e o baixista orixinal Randy Rampage regresou á banda despois de case 20 anos para gravar o álbum Win The Battle. Porén, Rampage marcharía novamente despois das gravacións, sendo substituído por Dan Yaremko.
No ano 2003 o alcalde de Vancouver Larry Campbell declarou o 21 de decembro como "D.O.A. Day", para celebrar o 25 aniversario da banda. Nese mesmo ano editouse unha retrospectiva da súa carreira titulada War And Peace. No 2004 publicaron un álbum con sabor a ska, Live Free or Die, e no 2006 Randy Rampage regresou a D.O.A. na súa terceira etapa coa banda.
A formación mantívose estable ata 2009, cando The Great Baldini deixou o grupo, entrando no seu lugar James Hayden. Tamén no 2008 anunciouse que Bob Rock produciría o seguinte álbum de D.O.A., coincidindo co seu 30 aniversario. James Hayden deixaría a banda antes de que empezasen as gravacións, ocupando o seu lugar Floor Tom Jones. En setembro, o grupo editou Northern Avenger e comezou a súa xira de 30 aniversario. No medio da mesma anunciouse que Randy Rampage abandonaría novamente o grupo, sendo substituído por Dan Yaremko.
O 1 de maio de 2010 D.O.A. publicou o seu último traballo ata a data [cando?], Talk Minus Action = Zero.
Discografía
[editar | editar a fonte]- Something Better Change (1980)
- Hardcore '81 (1981)
- War on 45 (1982)
- Let's Wreck The Party (1985)
- True (North) Strong And Free (1987)
- Murder (1990)
- Last Scream of the Missing Neighbors (1990)(With Jello Biafra)
- 13 Flavours Of Doom (1992)
- Loggerheads (1993)
- The Black Spot (1995)
- Festival Of Atheists (1998)
- Beat Trash (2002) - Solo Project from Joey "Shithead" Keithley
- Win The Battle (2002)
- Live Free Or Die (2004)
- Northern Avenger (2008)
- Kings of Punk, Hockey and Beer (2009)
- Talk-Action=0 (2010)