[go: nahoru, domu]

Saltar ao contido

Esgrafiado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casa con esgrafiado en Cernadilla (provincia de Zamora).
Esgrafiados antropomorfos e vexetais na igrexa do Salvador, Teruel.

O esgrafiado[1] (do italiano sgraffito)[2] é unha técnica ornamental arquitectónica de revestimento que se executa sobre unha superficie, superpondo dúas ou máis capas de materia, retirando parte da camada superficial e deixando ao descuberto zonas da camada inferior, provocando contraste polas distintas cores e, en ocasións, tamén pola textura diferente.

O esgrafiado atópase protexendo e decorando obras desde a antigüidade, empregado en culturas diversas, destacando na arquitectura como revestimento de muros, na cerámica, escultura e pintura. A arte mudéxar e o Renacemento italiano son dous focos de expansión da técnica como decoración mural, das que se conservan abondosas mostras na Península Ibérica (Barcelona, Segovia, Salamanca, Estremadura ou Évora).

Presenza en Galicia

[editar | editar a fonte]

En Galicia, chegou o esgrafiado por Seabra (Zamora) e Braganza (Portugal), destacando no Bolo e Trives, co florecemento na Ribeira Sacra e prolongación na Ulloa, tamén cara a Lugo Centro, con mostras espalladas polo Deza e Tabeirós-Terra de Montes, e desde O Carballiño até Verín, por toda a provincia de Ourense.

Esgrafiados na Ribeira Sacra, Gondulfe (Taboada)

Sobresae a riqueza das construcións decoradas con cal na Ribeira Sacra, segundo o inventario realizado en 1992 e 1993, sendo cuantificadas en máis dun milleiro as mostras conservadas[3].

En Galicia comeza a aplicarse o termo esgrafiado desde 1995[4], sinalando as ornamentacións máis preparadas e complexas, a sumar ao coñecido como cintado ou encintado, denominación clásica nos estudos de arquitectura galega (na realidade o encintado é unha técnica diferenciada, presente igualmente por toda a Península Ibérica, que só marca e resalta as xuntas dos bloques que conforman o muro).

Na especificidade das decoracións na Ribeira Sacra, entre os motivos, destacan os trazados curvos co desenvolvemento da vírgula ou gota, procedente do Gótico tardío e rastreada nos itinerarios peninsulares. E a hipótese dunha continuidade da estética e formas mudéxares, con base na voz mourisca, recollida nas ribeiras do Miño e do Sil na década final do século XX.

Muralismo contemporáneo de Cestola na Cachola empregando a técnica do esgrafiado en Castro Caldelas

En 2017 o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra apostou por incluír os esgrafiados en itinerarios culturais, promovendo investigacións patrimoniais coa publicación do libro Esgrafiados na Ribeira Sacra. De tradición cultural a recurso turístico, divulgación e restauracións no Campo (Taboada), e Montefurado (Quiroga), e a experimentación unida ao muralismo contemporáneo -obra de Cestola na Cachola[5]- e desde a técnica tradicional, en edificacións na praza da Torre, en Castro Caldelas, e en San Lourenzo de Barxacova (Parada de Sil). Mar López Sotelo, asociada de Apatrigal, fotografiou desde 2017 cerca de mil esgrafiados, que recolleu en 2021 na súa obra “Esgrafiados en la Ribeira Sacra y el Camino de Santiago. Obras de arte y simbolismo en las paredes”. [6]

No ano 2022, de novo o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, impulsa a rehabilitación de decoracións con cal en Naz (Sober), Pantón de Arriba (Pantón), Seoane Vello (Montederramo) e na igrexa de Rozavales (Monforte de Lemos). Ademais encarga a realización de obras novas en Rairós (A Pobra do Brollón), Gonzar (Portomarín) e recupera, completado con mural, outra fachada na Pena (Paradela).

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para esgrafiado.
  2. "La técnica tradicional del esgrafiado con mortero del cal, un rescurso publicitario actual" (PDF) (en castelán). Consultado o 30 de novembro de 2019. 
  3. Inventario de inmobles con decoracións feitas en cal realizado en 1992-1993 por Plácido Lizancos Mora, Xosé Luís López de Prado, Ana Sogo López e Xosé Manuel Vázquez Rodríguez, por conta da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Xunta de Galicia.
  4. Vázquez Rodríguez, Xosé Manuel (1995). "Decoracións con cal no sur da provincia de Lugo", Lucensia, 10, 131-142. 
  5. Esgrafiado de Cestola
  6. "Indiana Jones nas aldeas da Ribeira Sacra (en castelán)". Xornal "La región". Consultado o 2-1-2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibiliografía

[editar | editar a fonte]