José Ufarte
Ufarte | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | José Armando Ufarte Ventoso | ||
Nacemento | 17 de maio de 1941 | ||
Lugar de nacemento | Pontevedra | ||
Altura | 171 centímetros | ||
Posición | Extremo | ||
Carreira xuvenil | |||
Petit Lérez | |||
Pontevedra | |||
1956–1958 | Flamengo | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1958–1964 | Flamengo | 105 | (16) |
1961–1962 | → Corinthians (cedido) | 38 | (9) |
1964–1974 | Atlético de Madrid | 247 | (25) |
1974–1976 | Racing de Santander | 55 | (10) |
Selección nacional | |||
1964 | España B | 1 | (0) |
1965–1972 | España | 16 | (2) |
Adestrador | |||
Atlético de Madrid (xuvenís) | |||
1985–1986 | Atlético de Madrid B | ||
1988 | Atlético de Madrid | ||
1988–1990 | Racing de Santander | ||
1992–1993 | Mérida | ||
1997–2004 | España (categorías inferiores) | ||
2004–2008 | España (2º adestrador) | ||
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
José Armando Ufarte Ventoso, coñecido deportivamente como Ufarte, nado en Pontevedra o 17 de maio de 1941, é un exfutbolista e adestrador galego, con dobre nacionalidade brasileira. Xogaba de extremo e foi internacional coa selección española.
Sendo neno emigrou coa súa familia ao Brasil, onde xogou no Flamengo e no Corinthians, antes de volver a España e triunfar no Atlético de Madrid, co que xogou dez tempadas gañando tres ligas e dúas Copas do Rei. Era un extremo dereito que destacaba pola súa técnica individual, o seu pase preciso, a súa velocidade e mailo seu caneo explosivo.
Tras retirarse no Racing de Santander comezou unha carreira como adestrador, destacando o seu traballo coas categorías inferiores da selección española, chegando a ser campión de Europa coa sub-19 en 2004.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezos (1941-1958)
[editar | editar a fonte]Comezou a xogar ao fútbol na súa cidade natal, onde militou no Petit Lérez e no equipo infantil do Pontevedra. Pero aos 14 anos tivo que coller con súa nai, Josefa, e unha irmá, o camiño da emigración cara ao Brasil, onde xa estaba instalado seu pai, que era un mecánico almeriense.[1][2]
Continuou co fútbol nas rúas de Río de Xaneiro e aos 15 anos viuno xogar a filla do tesoureiro do Flamengo. Tras facerlle unha proba o club fichouno para as súas categorías inferiores.[3][2]
Flamengo e Corinthians (1958-1964)
[editar | editar a fonte]En 1958, aos 17 anos, debutou co primeiro equipo do Flamengo, converténdose no segundo español en xogar no club paulista, despois do tamén galego Talladas, dúas décadas antes.[4] Ocupaba a posición de extremo pero tras a chegada do técnico Fleitas Solich, este quería que xogase como interior. Os problemas co adestrador fixeron que marchase para o Corinthians en 1961. Ao ano seguinte, Fleitas Solich recalou tamén no Corinthians polo que Ufarte volveu ao Flamengo. Conquistou co Mengão o Campionato Carioca de 1963, despois de superar por un punto ao Fluminense, co que empatou no derradeiro partido en Maracaná diante de 194 603 seareiros, unha marca histórica.[5][6]
Atlético de Madrid (1964-1974)
[editar | editar a fonte]En 1964 volveu a España para xogar co Flamengo o Trofeo Laranxa en Valencia, e foi fichado polo Atlético de Madrid.[7][1] Debutou na primeira división o 13 de setembro de 1964 contra o Betis con vitoria por 3 a 1. Na primeira tempada no equipo colchoneiro acadou o subcampionato de liga, trofeo que gañou na tempada seguinte e noutras dúas ocasións máis, amais de dúas Copas do Xeneralísimo. Formou un gran tándem na banda dereita xunto a Luis Aragonés.[8] A súa última tempada no Atlético de Madrid foi a 1973-74, na que volveu acadar o subcampionato de liga e da Copa de Europa, despois de perder a final contra o Bayern de Múnic.[9]
En total estivo 10 tempadas no Atlético de Madrid, disputando 322 partidos nos que marcou 34 goles.
Racing de Santander (1974-1976)
[editar | editar a fonte]En 1974 fichou polo Racing de Santander, que militaba en Segunda División. Esa mesma tempada o equipo dirixido por José María Maguregui logrou o ascenso á primeira división. Continuou no equipo un ano máis, xogando 27 partidos de liga e marcando sete goles. Ao remate da tempada colgou as botas.
Xogou un total de 274 partidos na primeira división española, marcando 32 goles.
Selección nacional
[editar | editar a fonte]Foi internacional coa selección española de fútbol en 16 ocasións, marcando dous goles. Debutou o 5 de maio de 1965 contra Irlanda, na fase de clasificación para o Mundial de Inglaterra de 1966. A súa entrada na selección viuse propiciada por unha lesión do coruñés Amancio.[1] España perdeu o primeiro partido contra Irlanda pero gañou o segundo, debendo xogarse entón un partido de desempate que decidiría o equipo que disputaría o Mundial. Con cero a cero no marcador, no minuto 82 de partido Ufarte deulle un pase ao tamén galego Marcelino, cuxo remate rebotou nun defensa, quedándolle o balón a Ufarte, que non fallou e clasificou a España para o Mundial.[1]
Xogou só un partido naquel Mundial, no partido fronte á Arxentina.[10] Xogou o seu último partido coa selección en 1972 fronte a Iugoslavia.[11]
Adestrador
[editar | editar a fonte]Comezou adestrando as categorías inferiores do Atlético de Madrid, así como o filial. En marzo de 1988 colleu as rendas do primeiro equipo tras a destitución de César Luis Menotti.[12] En principio era para ficar ata final de tempada, cando se incorporaría o técnico José María Maguregui, que nese momento estaba no Celta de Vigo. Con todo, só estivo tres partidos no banco, sendo destituído por Jesús Gil despois de negarse a recibir indicacións de Maguregui.[13] Nas seguintes dúas tempadas adestrou o Racing de Santander, sendo destituído ao remate da segunda delas, tras descender a Segunda B.
Na tempada 1992-93 adestrou o Mérida en Segunda, e en 1997 incorporouse á Real Federación Española de Fútbol. Alí foi seleccionador de varias das categorías inferiores da selección española. Coa sub-20 proclamouse subcampión do mundo en 2003 en Abu Zabi e coa sub-19 conquistou o Campionato europeo de 2004 en Suíza, cun equipo no que destacaban entre outros Sergio Ramos, Amorebieta, Juanfran, Silva ou Soldado.[14]
Posteriormente pasou a ser o segundo adestrador de Luis Aragonés na selección española absoluta, conquistando en 2008 a Eurocopa.[15]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Como xogador
[editar | editar a fonte]Flamengo
[editar | editar a fonte]- Campionato Carioca (1): 1963.
- Torneo Río-São Paulo (1): 1961.
Atlético de Madrid
[editar | editar a fonte]- Liga española (3): 1965/66, 1969/70 e 1972/73.
- Copa do Rei (2): 1964/65 e 1971/72.
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Selección española sub-19
[editar | editar a fonte]- Campionato europeo da UEFA Sub-19 (1): 2004.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Relaño, Alfredo (24 de marzo de 2013). "El gol de ‘Espanhol’ ante 30.000 emigrantes". El País (en castelán). Consultado o 16 de marzo de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 Fernández, Carlos (3 de xullo de 1990). "Ufarte, tras triunfar en Brasil, se reveló en Inglaterra-66 como un genuino extremo clásico". La Voz de Galicia (en castelán). p. 40.
- ↑ Ramos, Jesús (2 de febreiro de 2019). "Ufarte, fútbol carioca para el Atlético" (en castelán). Consultado o 16 de marzo de 2021.
- ↑ "Pablo Marí, primeiro espanhol a ganhar uma Libertadores" (en portugués). 24 de novembro de 2019. Consultado o 16 de marzo de 2021.
- ↑ "rsssfbrasil.com". Maiores asistencias aos partidos do Fluminense. Consultado o 16 de marzo de 2021.
- ↑ "Um milagre, um recorde, um estádio que não cai: o Fla-Flu de 1963" (en portugués). 8 de xullo de 2012. Consultado o 16 de marzo de 2021.
- ↑ "Asi habló nuestro paisano Ufarte". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xullo de 1964. p. 8.
- ↑ Sánchez, Fernando (24 de agosto de 2018). "Ufarte, el ‘espanhol’" (en castelán). Consultado o 16 de marzo de 2021.
- ↑ "35 Años del maldito último minuto de la final contra el Bayern" (en castelán). 15 de maio de 2009. Consultado o 16 de marzo de 2021.
- ↑ "Arxentina-España 1966". ceroacero.es (en castelán). Consultado o 16 de marzo de 2021.
- ↑ "España-Iugoslavia 1972". sefutbol.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2021. Consultado o 16 de marzo de 2021.
- ↑ "Gil quiere discutir hoy con Menotti las razones de su cese como técnico atlético y el importe del finiquito". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de marzo de 1988. p. 43.
- ↑ "Revuelo en el Atlético, donde Jesús Gil destituye a Ufarte y pone a Maguregui al cargo del equipo". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de abril de 1988. p. 37.
- ↑ "FOTOS CON HISTORIA: 2004, cuando la Sub-19 abrió el camino a la Absoluta". sefutbol.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2021. Consultado o 16 de marzo de 2021.
- ↑ González-Martín, Tomás (7 de xuño de 2020). "El segundo entrenador, un valor al alza en el fútbol". ABC (en castelán). Consultado o 16 de marzo de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha como xogador en www.lfp.es (en castelán).
- Ficha como xogador Arquivado 23 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine. na web oficial da selección española (en castelán).
- Datos como xogador en BDFutbol (en castelán).
- Datos como adestrador en BDFutbol (en castelán).
- Ficha como adestrador en www.lfp.es (en castelán).
- Nados en Pontevedra
- Nados en 1941
- Galegos do Brasil
- Futbolistas de Pontevedra
- Adestradores de fútbol de Galicia
- Xogadores do Flamengo
- Xogadores do Sport Club Corinthians Paulista
- Xogadores do Atlético de Madrid
- Xogadores do Racing de Santander
- Xogadores da selección de fútbol de España
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1966
- Adestradores do Atlético de Madrid
- Adestradores do Racing de Santander
- Adestradores da selección de fútbol de España sub-21