Menendo III Nuniz
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XI |
Morte | 1050 (Gregoriano) |
Conde de Portucale | |
1043 – 1054 ← Ilduara Menendiz – Nuno II Menendiz → | |
Outro | |
Título | Conde |
Fillos | Nuno II Menendiz |
Pais | Nuno I Aloitiz e Ilduara Menendiz |
Menendo III Nuniz (orixinalmente Menendus Nunniz[Notas 1][1] e en portugués Mendo ou Menendo Nunes), morto o 24 de decembro de 1054, foi un nobre galego, duque e sexto conde do condado portucalense, descendente de Vímara Pérez como fillo do conde Nuno I Aloitiz e da condesa Ilduara Méndez.[2][3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Era menor en 1028, cando morreu o seu pai, e gobernaba o condado baixo a tutela da súa nai Ilduara.[2][3] Menos dunha década despois, en 1037 Fernando I accedeu ao trono tras derrotar e matar ao seu cuñado Vermudo III na batalla de Tamarón.[3] O rei conseguiu isto principalmente convertendo os condados en tenencias non hereditarias e aproveitando todas as oportunidades que se presentasen para nomear novos gobernadores.[3] O rei fíxoo paulatinamente, rexión por rexión, para non antagonizar á poderosa nobreza do reino e do condado portucalense que estaban emparentados co conde Menendo que tamén era primo da súa muller, a raíña Sancha I.[3][Notas 2]
En vida do conde Menendo, o rei comezou a nomear membros da nobreza menor para cargos administrativos, como Gómez Ectaz, que exercía a autoridade na rexión de Guimarães, e Diogo Tructesíndez como xuíz, ambos reportando directamente ao monarca. Esta práctica xeneralizouse despois da morte de Menendo co rei nomeando aos membros das clases baixas da nobreza para cargos administrativos, con diversos títulos como vigairo ou gobernador, por exemplo, Gutino Veniegas testemuñou en 1062 como gobernador de Portugal:
Gutinus Veniegas, qui tenebat illa terra de Portugale de ille rex.[3]
Anos máis tarde, a neta de Menendo, Loba Nuniz, casou con Sisnando Davídiz,[2] un mozárabe foráneo e que non era membro da nobreza local,[4] que foi nomeado gobernador do condado de Coímbra polo rei Fernando e que nunca se chamou a si mesmo conde senón alvasil (visir) ou cónsul.
Ao redor de 1043 tivo algún conflito territorial con Ordoño Romáriz e houbo algún enfrontamento entre os dous nobres. O suceso foi xulgado e nun documento con data de decembro de 1043, Menendo Nuniz foi premiado con diversas propiedades, como a vila de Silvares, que posteriormente doou ao mosteiro de Guimarães. Nesa carta identifícase como: "Menendus dux magnus prolix Nunus et Ilduare" e asina como "Menendus dux magnus in hoc testamentum manu mea confirmo".[1]
O 15 de maio de 1050, nun documento do mosteiro de Celanova, é citado como dux en Galiza xunto con Velasco Almeiuz.[5] A súa última aparición documental é do ano 1053 cando se citan posesións do dux Menindo Nunniz nun documento.[1]
Data da morte
[editar | editar a fonte]A data da morte do conde Menendo é incerta debido a unha confusión con outro conde contemporáneo, Mendo Luz, así como a data incorrecta rexistrada nos Annales Portugalenses Veteres:[2]
Era MLXXII occisus fuit comes Menendus inripa Guetanie.
É dicir, Menendo foi asasinado na era MLXXII (ano 1034) no río Guetania (afluente do Miño).[3] O historiador José Mattoso considera que o ano da súa morte, probablemente violento, foi 1050 e como moi tarde ata 1053,[2] mentres que Alfonso Sánchez Candeira, opina que Menendo morreu o 24 de decembro de 1054.[3]
Familia
[editar | editar a fonte]Non se coñece o nome da súa muller pero tivo un fillo:
- Nuno II Menendiz, sétimo conde de Portucale, que morreu na batalla de Pedroso, sendo o último na liña de sucesión da Casa de Vímara Pérez.
Menendo III Nuniz Nacemento: século XI Falecemento: 24 de decembro de 1054
| ||
Aristocracia galega | ||
---|---|---|
Precedido por Ilduara Menendiz (rexente)
|
Conde de Portucale 1043 - 1054 |
Sucedido por Nuno II Menendiz |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Aparece nun documento en 1041 da Sé de Coímbra como comes menendus nuniz ca súa nai eldara comitissa. Tamén na datación dun documento de 1041 como menindus nunniz dux. En 1043, na doazón da Vila Silvaris, confirma como menendus dux magnus prolix nunus et ilduare.
- ↑ Ilduara Menendiz, a nai de Menendo Nuniz, era irmá de Elvira Menendiz, a mãe da rainha Sancha, esposa do rei Fernando.
Referencias
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Herculano, Alexandre (1868). Portugaliae Monumenta Historica: Diplomata et chartae. Academia de Ciencias de Lisboa. OCLC 504624362.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Mattoso, José (1981). As famílias condais portucalenses dos séculos X e XI. Editorial Estampa. OCLC 8242615.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Sánchez Candeira, Alfonso (1999). Castilla y León en el siglo X, estudio del reinado de Fernando I. Real Academia de la Historia. ISBN 978-84-8951241-2.
- ↑ Mattoso, José (1982). "Ricos-homens, infançoes e cavaleiros: a nobreza portuguesa nos séculos XI e XII". Gimarães & C.a. Editores. OCLC 10350247.
- ↑ Sáez, Emilio; Sáez Sánchez, Carlos (2006). Colección diplomática del monasterio de Celanova (842-1230). Universidad de Alcalá. ISBN 8481384143.