Gaita de barquín
Gaita de barquín | |
---|---|
Información | |
Clasificación | vento madeira |
Instrumentos relacionados | Gaita galega |
A gaita de barquín é unha gaita galega de insuflación mecánica conservada no Baixo Miño. O seu nome fai referencia ao barquín[1] que o gaiteiro sostén baixo o brazo e co que alimenta o fol do instrumento.
Orixe e evolución
[editar | editar a fonte]Foi no século XVII cando por toda Europa comezaron a aparecer gaitas de fol alimentadas con barquín. Estímase que foi nesta época cando a unha gaita galega de dous bordóns lle foi engadido este dispositivo, dando orixe á gaita galega de barquín.[2] Gaitas desta tipoloxía conserváronse até os anos 1930 na comarca do Baixo Miño, se ben é seguro que foi tocada nunha zona moito máis ampla, pois áchanse noticias delas na Limia, Baixa Limia, Terra de Soneira, Terra de Trives e Norte de Portugal.[2]
Alén do seu emprego como instrumento solista e a ocasional integración en cuartetos con clarinete, a gaita de barquín facía parte das antigas treboadas. Nestas agrupacións musicais amenizaba, xunto a tambor e bombo de treboada, todo tipo de romarías, seráns, danzas e procesións no Miño galego e portugués[3]. A aparición desde o derradeiro cuarto do século XIX das bandas de música, con nova instrumentación e repertorio, deu inicio a un proceso de estandarización da gaita galega. Este proceso, acelerado na década de 1920 coa popularización dos cuartetos de gaiteiros, levou aos músicos de barquín a modificar os seus instrumentos e, finalmente, ao seu abandono en favor da gaita galega habitual.[2]
Características
[editar | editar a fonte]A gaita de barquín[4] componse basicamente dos seguintes elementos[5]:
- Un barquín, ou fol mecánico, que suxeito ao brazo do gaiteiro utilízase para insuflar aire no instrumento.
- Dous bordóns, saídos da mesma buxa (chamada na zona tigha ou ghalleto) e situados sobre o ombro do gaiteiro. Este bordóns reciben na zona o nome de orneón (roncón) e ornillo (ronqueta).
- Algunhas das gaitas conservadas tiñan dous tipos de punteiros, uns afinados en Si (tumbais) e outros en Re (grileiros), existindo algúns dotados dunha chave para mudar de oitava.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Barquín". Real Academia Galega. Consultado o 2021-09-07.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » A gaita de barquín". Consultado o 2021-09-06.
- ↑ Fernández Santomé (2012). p.34
- ↑ "Gaita de barquín (Seivane)". seivane.es. Consultado o 2021-09-07.
- ↑ Fernández Santomé (2012). pp.79-83
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carpintero Arias, Pablo (2010). Os Instrumentos musicais na tradición galega. Difusora de Letras, artes. ISBN 8492958057.
- Fernández Santomé, Xerardo (2012). Treboada galega. Asoc.Folc.Gaiteiros da Xistra.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A Gaita de barquín - Tradigaita (2021) - Youtube
- Ǵaita de barquín - Concerto didáctico Pablo Carpintero (2008) - UVigoTV